14. 1. ORACIÓNS PREDICATIVAS. PERÍFRASE VERBAL. COLOCACIÓN DOS PRONOMES.

IMG_1215

As oracións predicativas teñen un verbo como núcleo do predicado. Este predicado concorda en número co suxeito (se o suxeito é plural ou singular, o verbo tamén o será)

Pescanova / plántalle cara á banca.

Planta é o núcleo do predicado. Leva un pronome enclítico, é dicir, anexionado detrás, porque é o xeito de colocalo, salvo as excepcións que andamos vendo. Este lle, como ocorre moitas veces, é un complemento indirecto que duplica ao tamén expresado: á banca.

O núcleo do verbo non ten por que ser unha soa palabra. Os verbos presentan varias formas para determinar a súa acción recorrendo a outros que lles sirvan de auxiliares. A pefectividade dos verbos galegos indícase cunha soa palabra (fixen, fixera, non *he feito, *había feito), pero temos un modo de expresala con dúas: ter feito, cando queremos indicar con rotundidade que a acción está finalizada no presente.

Eu mesma teño dito iso moitas veces.

Esta combinación do verbo cunha forma non conxugable de outro (infinitivo, xerundio ou participio) chámase perífrase verbal. Toda a perífrase constitúe o núcleo do predicado. Non abonda, pois, con que unha oración teña dous verbos aparentes para ser composta. Pode ser simple.

O rapaz deu en chorar ás oito da tarde. É unha oración simple.

14.1

¿Como distinguimos unha perífrase?

-Aparecerán dous verbos, o primeiro conxugado e o segundo en infinitivo, xerundio ou participio, podendo ter no medio unha preposición (a, de, en) ou conxunción (que). Esta verbo é o que ten asume o significado.
-O primeiro verbo terá perdido o seu significado orixinal, porque pasou a ser un auxiliar do segundo.
-A perífrase introducirá, así e todo, un importante matiz no significado do verbo principal. No exemplo exposto, ese chorar é durativo, moi longo… Outras indican que empeza a acción, que hai obrigatoriedade de facela, que é repetitiva, dubidosa, etc.

As perífrases verbais teñen a particularidade de que lle permiten ao pronome átono, se o houbese, máis dunha colocación, feito que pasa tamén coas formas infinitas dos verbo noutros casos.
Teño que facer o exercicio esta tarde.

Ter+que+facer
Ter perdeu o seu significado de posuír.
O matiz que se engade é obrigatoriedade.

Se substituímos o exercicio polo pronome o, teremos estas tres posibilidades de colocación:

Téñoo que facer (ou, se a oración fose negativa: Non o teño que facer.)
Teño que o facer.
Teño que facelo.
Imos facer o exercicio.

Imos+facer
Ir perdeu o significado de movemento cara a algún lado.
O matiz que se engade é que de comenzo.

Aquí temos dúas posibilidades de colocación do pronome:

Ímolo facer (ou, se a oración fose negativa ou calquera outra excepción: Non o imos facer)
Imos facelo

(Recordamos que aparece a forma lo, que procedes do r/s con que acaban os verbos)

 

 

14.2 PROPOSTA DE ACTIVIDADES
14.2.1 Divide estas oracións en suxeito e predicado:
O Camiño Francés, na súa entrada na capital galega, debería ser un espazo máis protexido.

En Raxoi houbo varias declaracións de representantes políticos. ().

Máis dun centenar de axentes da Policía Nacional concentráronse onte na Coruña.

Aprobuse tamén a oferta de prazas e taxas. (Recorda aquí os usos do pronome “se”)
14.2.2.

¿Cales dos seguintes núcleos verbais son perífrases?

Non admitiu que se puxese en dúbida a súa palabra.

Esta mañá empezou a chover a rolos.

Temos que coidar máis o medio ambiente.

Esta mañá volveu soar a campá de forma estraña.

Se queres, ímonos divertir ao San Froilán no próximo outubro.
14.2.3.

Transforma estas oracións segundo o modelo:

Teño que facelo/ Téñoo que facer/ Non o teño que facer/ Teño que o facer.
Debeu de levalas pero non estou segura/
Está empezando a mentirche/
Houbo que buscarvos/

 

Anuncios

Un pensamiento en “14. 1. ORACIÓNS PREDICATIVAS. PERÍFRASE VERBAL. COLOCACIÓN DOS PRONOMES.

  1. Boa tarde Helena, aínda que me pareceu ver que xa fixeras onte a corrección de actividades, vou facer os exercicios antes de miralas. Logo vounas comprobar.
    14.2.1
    SUXEITO da primeira: o Camiño Francés, na súa entrada na capital galega, PREDICADO: debería ser un espazo máis protexido.
    SUXEITO da segunda: non o ten. PREDICADO, toda a oración, entendo eu.
    SUXEITO da terceira: máis dun centenar de Axentes da Policía Nacional, PREDICADO: concentráronse onte na Coruña.
    SUXEITO da cuarta: non hai. PREDICADO, a frase enteira, tamén.
    14.2.2
    Son perífrase, a segunda, terceira e cuarta.
    14.2.3
    Debeu de levalas, pero non estou segura/debeunas de levar, pero non estou segura/non as debeu de levar/debeu de as levar(?) Non estou segura desta derradeira maneira, neste caso.
    Está empezando a mentirche/está empezándoche a mentir/non che está empezando a mentir (aínda que aquí cadrariame tamén “non está empezando a mentirche”)/está empezando a che mentir (?). Volve a non cadrarme.
    Houbo que buscarvos/houbovos que buscar/non vos houbo que buscar/houbo que vos buscar.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s