10. COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS CON RESPECTO AO VERBO. REGRA E PRIMEIRAS EXCEPCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

10.1

Vistos os pronomes persoais, as súas clases, o papel que cada clase desempeña na súa oración, as súas contraccións e os pronomes moi de noso, tentaremos saber en que  lugar da frase os temos que colocar con relación a verbo.

A regra xeral é que vaian detrás, unidos a el, tanto que poden transformalo en palabra esdrúxula e ter que levar acento (dixéronllo). Cando vai nesta colocación, dicimos que é pronome enclítico. Evidentemente, se é regra hase cumprir moitísimas veces. Pero tamén se vai incumprir polas excepcións abondosas que ten.

 Imos ver esta cantiga popular: 

 

-Nena que vendes as peras,
¿cantas che mandaron dar?
-Para ti, meu queridiño,
non mas mandaron contar.

 

¿Ten pronomes persoais?

¿Cantos considerando as contraccións como pronomes independentes?

¿Hai algún tónico? ¿Leva preposición?

Se hai átonos, ¿son todos da mesma clase, é dicir, cumpren o mesmo papel con relación ao verbo (obxecto directo ou indirecto)?

¿Van detrás do seu verbo como di a regra?

 Efectivamente ten catro pronomes persoais: che, ti, me, as. Un é tónico (ti) e tres átonos. O tónico leva a preposición para.  Dos átonos, che e me son obxectos indirectos. As é obxecto directo. “Mas” é unha contración entre dous dos anteriores: me + as.

Contra a regra xeral, estes pronomes átonos van antes do verbo e chámaselles proclíticos.

Temos aquí, xa que logo, dúas excepcións:

 

1.- As oracións interrogativas, cando se inician cunha partícula que serve para preguntar (Cantas, cal, onde, que, cando, como… que poden levar preposición diante: Para que, desde cando?…), tanto se a interrogación é directa como se é indirecta.

 

2.- As oracións que levan algunha palabra con sentido negativo: non, nunca, ningún, ninguén, tampouco, nada…

 

Empeza a fixarte na colocación dos pronomes, na regra e nestas -tamén noutras, aínda que non as teñamos formulado- excepcións.

 

 

10. 2.  PROPOSTA DE ACTIVIDADES

 

10.2.1. Converte estas oracións en negativas.

 

Gústame o lavar da túa roupa, Maruxa.

Leváronme onte a un bar de tapeo.

Agasalláronme cunha minicadea musical polos Reis.

Déronlles as vacacións hai uns días.

 

10.2.2. Continúa completando os cambios das seguintes oracións segundo o modelo:

 

Non te quero diante. Quérote diante

Non llelo levei. ____________________

Ninguén o chamou. ___________________

Nada me importa. ____________________

Nunca me saúda. _____________________

Non che vai quedar así. _____________

 

10.2.3.

 

Neves chámache amigo. ¿Quen che chama amigo?

Saudoute.______________________________

Promeméteuche un can.__________________

Custouche 20€._________________________

Leváronte a Ourense.___________________

Enfadácheste.__________________________

Isto déixame fría. ____________________

 

 

10.2.4. Corrixe estas oracións recollidas na rede.

 

Aos políticos os critica todo o mundo.

A esta coma aos outros lle convén continuar.

Lle vou contar a verdade, señoría.

O fago así desde hai moito tempo.

Mo levo porque me gusta. (Ollo, que ten dous erros)

 

 

 

9.2. CORRECCIÓN DAS ACTIVIDADES

 

IMG_0218

 

3.1. ¿Tes ti conciencia de utilizar este  pronome ou sequera de telo oído? Se a resposta é negativa, procura fixarte de agora en adiante e descubriralo axiña.

 

3.2. Trata de recoñecer os pronomes de solidariedada que aparecen aquí:

.Isto non che me gusta nada.

.O río quédachenos ben lonxe.

.O libro quédache aquí. (Este che fai relación a ti, ten sentido na frase e é un obxecto indirecto)

.Aquilo de que o barato de balde é caro resúltachevos ben certo.

.Se entra ou sae de noite, non che me vai nin che me ven.

.Ten coidado con poñer as comas, que as comas son o demo. Aquí non hai.

.Síntoo,pero estouvos unha miguiña sarcástico hoxe, esta tarde.

 

3.3. Trata de engadilo nesta conversa sempre que poidas facelo:

-¿Vai vir o electrista esta tarde? (Se poñemos un che, volve ser o caso que apunto antes: ten significado e é obxecto indirecto)

-Eu diso non che sei nada nin me importa. Es ti quen leva o mantemento da instalación.

-¿Pero non quedamos en que o ías avisar?

-¿Eu? Non che me acordo de nada. Sonche cousas túas.

-Es ben inútil, hom.

-Coidadiño que eu non che ando con chiquitas. Así que non me insultes.

 

9.1. PRONOMES DE SOLIDARIEDADE

 

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

1)

A anécdota

O curso 1988-89 compartín aulas cunha profesora de castelán, salmantina de orixe. O alumnado mesturaba a aprendizaxe que facía coas dúas e respondía nos exames como lle cadraba. Un día veu onda min alporizada:

-Los alumnos inventaron que los pronombres son solidarios. Tuve que explicarles que solidarias son las personas, no los pronomes. ¿Pero de dónde sacarán eso? Nunca me había pasado. ¿Y a ti?

E tiven que explicarle eu que si, que nós temos pronomes solidarios, que en contextos de diálogo adoitamos implicar aos interlocutores no tema de que tratamos. E que tamén estaba presente no castelán que se fala en Galicia, que se fixase ben nun pronome raro que ía escoitar moitas veces.

Aos poucos días, díxome que xa o escoitara  e que era moi chocante metido no castelán.

 

2)  Definición, formas e uso.

 O pronome de solidariedade é unha forma do pronome átono de segunda persoa –singular e plural- que se emprega para facer participar afectivamente ao interlocutor (ou interlocutores) no que estamos a dicir.

As formas son as mesmas do O I:

che, lle (singular)

vos, lles (plural)

A información que expresamos non se ve alterada pola súa presenza, pero é un risco propio do noso idioma. Distinguímolo porque, se se suprime, non se altera o sentido da oración.

  • Eu márcholle que levo présa
  • ¡Estache boa a comida!
  • Évos unha boa cousa

No tratamento de cortesía, úsase para a segunda persoa a forma da terceira, como pasa con todos os pronomes.

Cando nos diriximos a varios interlocutores e temos, polo tanto, que usar a forma de plural do pronome de solidariedade, pode aparecer tamén unha forma redundante singular:

  • Estáchevos boa a comida, Maruxa!
  • Échevos unha boa cousa.

Dáse sempre nun diálogo e é propio da oralidade. Pode pasar á escrita cando queremos reproducir este rexistro.

 

9.2. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

 

3.1. ¿Tes ti conciencia de utilizar este  pronome ou sequera de telo oído? Se a resposta é negativa, procura fixarte de agora en adiante e descubriralo axiña.

 

3.2. Trata de recoñecer os pronomes de solidariedada que aparecen aquí:

.Isto non che me gusta nada.

.O río quédachenos ben lonxe.

.O libro quédache aquí.

.Aquilo de que o barato de balde é caro resúltachevos ben certo.

.Se entra ou sae de noite, non che me vai nin che me ven.

.Ten coidado con poñer as comas, que as comas son o demo.

.Síntoo,pero estouvos unha miguiña sarcástico hoxe esta tarde.

 

3.3. Trata de engadilo nesta conversa sempre que poidas facelo:

-¿Vai vir o electrista esta tarde?

-Eu diso non sei nada nin me importa. Es ti quen leva o mantemento da instalación.

-¿Pero non quedamos en que o ías avisar?

-¿Eu? Non me acordo de nada. Son cousas túas.

-Es ben inútil, hom.

-Coidadiño que eu non ando con chiquitas. Así que non me insultes.

8. 2. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

8.2.1.

 

Pon o pronome reflexivo que corresponda, só onde deba ir, é dicir, onde sexa obxecto directo.

 

-Xulián foise lavar ao pilón.

-Tarnas torceu unha perna.

-Cansei subindo da praia

-Afogou nun remuíño do río porque o arrastrou a enchenta.

-Peiteaba as ristras do pelo.

-Come todo iso axiña.

-¿Mancácheste na perna ou no pé?

-Mercou un pano para soar os mocos.

 

8.2.2.

 

Traduce estas oracións do castelán ao galego:

 

-Pásate por casa. Pasa  pola casa.

-No se lo prestes, que no te lo devuelve. Non llo prestes, que non cho volve.

-Se lava las manos antes de comer, como se lo recomendaron. Lava as mans antes de comer como lle recomendaron

-Ahora xa no me como las uñas. Agora xa non como as uñas.

-Se pasa la tarde tumbado al sol. Pasa a tarde tumbado –hai sinónimos- ao sol.

-No se está quieta ni mientras se peina. Non está quieta –hai sinónimos- nin mentres se peitea.

-No se los llevaron hasta hace cuatro días. Non llelos levaron ata hai catro días.

 

8.2.3.

 

Constrúe con se impersoal unha oración equivalente, seguindo o modelo:

 

-Nesta parroquia producen moito albariño e véndeno. = Véndese viño.

-Ten leña de carballo de sobra.= Véndese leña de carballo.

-Sóbralles un cuarto e precisan algún diñeiro. = Alúgase un cuarto.

-Non saben que facer este ano coas leitugas que lles sobran. = Véndense/ regálanse leitugas.

-Neste restaurante poden transportar comida aos que non queiran cociñar. = Sérvese comida a domicilio.

8. PRONOMES REFLEXIVOS. OUTROS USOS DE “SE”

     OLYMPUS DIGITAL CAMERA    

1)       Oracións reflexivas son aquelas nas que acción do verbo volve ao suxeito: mirarse, vestirse, lavarse…

 

-Nas oracións reflexivas úsanse como pronomes receptores da acción só os átonos obxecto directo: me, te, se/ nos/ vos/ se.

 “Vístese“, pero “viste a chaqueta”. “Lávase”, pero “lava as mans”.

 Miremos, pois, como traducir estas frases do castelán nas que o pronome reflexivo non é obxecto directo:

¿Te lavaste las manos? = ¿Lavaches as mans?

Me lo como todo = Cómoo todo.

Los políticos se ponen las botas = Os políticos poñen as botas.

 

2)      Hai verbos que non levan pronome reflexivo: casar, cansar, afogar (só o levaríaa en acción suicida), sentar (apousar as nádegas)…

Eu casei hai doce anos.

Andaron toda a tarde sen cansaren.

Sentou no escano trala cociña.

Seica afogou no río ao caer da ponte.

 

3)      Noutros casos, cando o pronome “se” castelán é obxecto indirecto, o pronome galego é “lle”/ “lles”:

 

Se lo dijo = Díxollo.

-Cuando se lo comunicaron, se echaron a llorar = Cando llelo comunicaron, botaron a chorar (vede que o segundo “se”  desta oración non se traduce)

 

4)      Ten tamén uso impersoal:

Véndese viño.

Alúgase piso no verán.

Impártense aulas de galego.

Búscase cociñeiro para hotel.

 

 

 

8. 2. PROPOSTA DE ACTIVIDADE

 

 

8.2.1.

Pon o pronome reflexivo que corresponda, só onde deba ir, é dicir, onde sexa obxecto directo.

 

-Xulián foi__ lavar ao pilón.

-Tarnas torceu___ unha perna.

-Cansei___ subindo da praia

-Afogou___ nun remuíño do río porque o arrastrou a enchenta.

-Peiteaba___ as ristras do pelo.

-Come___ todo iso axiña.

-¿Mancaches___ na perna ou no pé?

-Mercou un pano para soar__ os mocos.

 

8.2.2.

 

Traduce estas oracións do castelán ao galego:

 

-Pásate por casa.

-No se lo prestes, que no te lo devuelve.

-Se lava las manos antes de comer, como se lo recomendaron.

-Ahora xa no me como las uñas.

-Se pasa la tarde tumbado al sol.

-No se está quieta ni mientras se peina.

-No se los llevaron hasta hace cuatro días.

 

8.2.3.

 

Constrúe con se impersoal unha oración equivalente, seguindo o modelo:

 

-Nesta parroquia producen moito albariño e véndeno. = Véndese viño.

-Ten leña de carballo de sobra.=

-Sóbralles un cuarto e precisan algún diñeiro. =

-Non saben que facer este ano coas leitugas que lles sobran. =

-Neste restaurante poden transportar comida aos que non queiran cociñar. =

7.2 CORRECCIÓN DAS ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Tede en conta que, se como resultado da unión cos pronomes a nova palabra se converte en esdrúxula, debedes acentuala.

 

7.2.1

 

Pon os pronomes que faltan nestas oracións:

 

-Fai que cho leven á casa porque pesa moito para o transportar.

-Abonda con que nolo pidas, porque iso é moi doado para nós.

-Anda con coidado que mos vas luxar e téñoos en moita estima.

-Quero que llo leves a teu pai. Ten moita gana de telo.

-Deixóunolo Francisco porque sabe que o andabamos buscando.

-Déillelos aos teus netos, que xa sabes que os quero como se fosen meus (os disfraces).

-Déixavolas onde lle indiquedes (as laranxas).

 

7.2.2.

 

Segue o exemplo substituíndo con pronomes:

 

Dar as notas aos alumnos … Dárllelas.

Atar as patas ao galo…Atarllas.

Comprar un agasallo aos sobriños…Comprárllelo.

Mirar as leitugas da veciña… Mirarllas.

Dicir a verdade aos amigos… Dicírllela.

Levar o correo aos do teceiro… Levárllelo.

Traer as flores á avoa… Traerllas.

Escoitar o que di miña tía… Escoitarllo.

Escoller o melloriño para as colegas… Escollérllelo.

 

 

7.2.3

 

Substitúe os nomes sinalados polo pronome que debas usar:

 

.¿Que fai? Subir o cristal do cocheSubilo.

.A probei o exame de Física á primeira. Aprobeino.

.Probou o refresco e non lle gustou nada. Probouno e non lle gustou nada.

.¿Queredes esta libreta? ¿Querédela?

.Sáese moi ben mercando o peixe na praza. Sáese moi ben mercándoo na praza.

.¿Queres deixar as maletas? ¿Queres deixalas?/ ¿Quérelas deixar?

 

7. CONTRACCIÓN DE PRONOMES E USO DOS ALÓFONOS O/LO/NO

  Contracción de pronomes

7.1

Patricia comprou un xoguete para Pablo.

Cando hai un alguén (obxecto indirecto: Pablo) e un algo (obxecto directo: xoguete), se se expresan con pronomes (neste caso lle e o) contráense sufrindo algunha modificación (neste caso a perda da letra e.

Patricia comproullo.

Me, che, lle perden a letra e para resultaren: mo, ma, mos, mas, cho, cha, chos, chas.

Nos, vos, lles cambian o s por l, polo fenómeno que vimos na lección anterior. A aparición dese l anuncia que o obxecto indirecto é un plural.

 Esta é a diferencia entre llo (a un só) e llelo (a varios).

 

7.2

Os pronomes o/a/os/as poden aparecer unidos a unha forma verbal ou a un pronome con estoutras formas:

a)

Lo/la/los/las, cando seguen a:

1-Os pronomes lles, nos, vos (como vimos de ver)

2-Un infinitivo verbal.

Exemplos:

 

Vou dárllelo aos nenos.

Non nolo negues, que te vimos…

Gustaríame atopala.

 

b)

No/na/nos/nas: cando seguen a unha forma verbal que acaba en diptongo: ei/eu/ou/iu

 

Exemplos:

Merqueino na praza.

Saquei o can e canseino

¿Colleunas?

  

 

7.2 PROPOSTAS DE TRABALLO

 

Tede en conta que, se como resultado da unión cos pronomes a nova palabra se converte en esdrúxula, debedes acentuala.

 

7.2.1

Pon os pronomes que faltan nestas oracións:

-Fai que __ leven á casa porque pesa moito para o transportar.

-Abonda con que __ pidas, porque iso é moi doado para nós.

-Anda con coidado que __ vas luxar e téñoos en moita estima.

-Quero que __ leves a teu pai. Ten moita gana de telo.

-Deixou__ Francisco porque sabe que o andabamos buscando.

-Dei__ aos teus netos, que xa sabes que os quero como se fosen meus (os disfraces).

Déixa__ onde lle indiquedes (as laranxas).

 

7.2.2.

Segue o exemplo substituíndo con pronomes:

 

Dar as notas aos alumnos … Dárllelas

Atar as patas ao galo…

Comprar un agasallo aos sobriños…

Mirar as leitugas da veciña…

Dicir a verdade aos amigos…

Levar o correo aos do teceiro…

Traer as flores á avoa…

Escoitar o que di miña tía…

Escoller o melloriño para as collegas

  

7.2.3

 

Substitúe os nomes sinalados polo pronome que debas usar:

.¿Que fai? Subir o cristal do coche.

.A probei o exame de Física á primeira.

.Probou o refresco e non lle gustou nada.

.¿Queredes esta libreta?

.Sáese moi ben mercando o peixe na praza.

.¿Queres deixar as maletas?