2 ¿GALLEGO/GHALLEGHO/GALEGO/GHALEGHO?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Catro rapazas e rapaces colgaron un vídeo reivindicando a súa fala e deu moito que falar. Fun consultada sobre se tiñan razón e contestei a verdade: si e non.

Non podemos sacar a lingua do contexto das demais. O galego ten problemas coa sociedade, e non só el. Pero hai unha serie de fenómenos que son comúns. Ningún idioma se adoita escribir descoidadamente como se fala, porque a escrita é un nivel coidado e afastado do coloquialismo. Todas as linguas teñen modos de falar territoriais (dialectos) que moi raramente se reproducen na escrita igualadora. Só a historia anómala da nosa nos permite pensar que os galegos falan diferente se son do Ribeiro ou de Camariñas. Un texto xornalístico escrito en Cantabria e outro en Andalucía transcríbense igual. Os andaluces ocultarán o seu seseo e non suprimirán consoantes nin vocais Ningún andaluz con escolaridade escribirá “E un desahtre”, senón, “Es un desastre”. O mesmo pasa na cadea oral pronunciada nunha clase da Universidade, na defensa dun reo, no discurso dunha toma de posesión.

Os rapaces farán ben en defender o seu dialecto e aínda as súas variantes. Pero farán mal en non adquirir o rexistro culto que afortunadamente xa posúe a lingua. Porque isto faríaos incultos no seu propio idioma.

En Andalucía teñen regras mnemotécnicas que recordan as palabras que se escriben con l, como alma –que din arma-. Polo tanto, ese non é un problema do galego. É cuestión de distinguir rexistros e niveis e de aprendelos para saber cando cómpre usalos.

Nas primeiras dobraxes de películas rodadas en inglés os personaxes falaban un rexistro xudicial que facía chorar. Esta foi unha experiencia que ensinou moitas cousas e non cómpre esquecelas.

¿Teñen razón os rapaces e as rapazas do vídeo “Ghalegho”? Si e non. Quen renunciamos ao uso único do dialecto para ser profesores, escritores, avogados, xornalistas… tamén fomos rebeldes, pero convenceunos a realidade.

A nosa lingua é digna e merece un esforzo de aprendizaxes. Porque queremos que sexa unha máis das linguas normalizadas do mundo.

CO NOSO REFRANEIRO 2. Cando che dean a ovella…

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

1

O REFRÁN
Cando che dean a ovella
colle a corda e vai por ela.
2
SIGNIFICADO DO REFRÁN

Fai referencia á rapidez de recoller o que se nos ofrece, non sexa que quen nolo dá se volva atrás se o pensa mellor.
3 VERBOS IRREGULARES: DAR, ESTAR

O verbo DAR é irregular, entre outros tempos, no presente de subxuntivo.

Eu dea
ti deas
el/ela dea
nós deamos
vós deades
eles/elas dean

Esta mesma conxugación tena o verbo ESTAR

Eu estea
ti esteas
el/ela estea
nós esteamos
vós esteades
eles/elas estean

4. REPASO DO PRONOME ÁTONO CHE

4.1. FORMA
Che é o pronome átono obxecto indidirecto da 2ª persoa do singular. O obxecto directo é TE, pero o DADO é a ovella. (A ovella dáse a ti)

Para saber cando debes usar che ou te, teralo doado se pasas á frase á terceira persoa.

O pronome correspondente a CHE será LLE e o correspondente a TE será O/A. Pero xa hai moito castelanismo que substitúe O/A por LLE (Saúdalle, en lugar de Saúdao…)

4.2. COLOCACIÓN

A oración que leva aquí CHE é subordinada temporal e está introducida pola conxunción CANDO. As subordinadas introducidas por conxuncións ou pronomes relativos levan o pronome átono diante do seu verbo.

Cando che dean a ovella…
¿Quen che deu a ovella…?

Pero:
Dáche a ovella.
Rapoulle a ovella.

CO NOSO REFRANEIRO 1. Dó dame o dente/ que come a semente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
1

Dó dáme o dente
que come a semente.

SIGNIFICADO DO REFRÁN
Está relacionado coa previsión económica, pois sempre hai que gardar para a sementeira e non se debe dilapidar alegremente a colleita.

2
SIGNIFICADO DA PALABRA DÓ (Dicionario da RAG)

Substantivo masculino
1 Sentimento de pena ou mágoa que produce no espírito o sufrimento de alguén e que leva a tratar de evitalo ou de non aumentalo Ten dó do pobre rapaz, non o castigues máis. Mallaron nel sen dó nin piedade SINÓNIMOS compaixón, conmiseración CONFRONTAR misericordia, piedade
2 Sentimento de dor ou mágoa por algunha cousa Non ten dó ningún dos bens que lle legaron os devanceiros
3 Dor ou aflición que se sente por algo
Dó pola morte dun ser querido

 

Pronúnciase co o aberto (como o de óso)

Ter dó de algo é ter pesar por el, non querer dalo.

“Ofreceumas e, ao collerllas, miroume como se me tivera dó delas”.

“Podedes levar os figos que apañedes, que non vos teño dó deles.

3
NOVOS CAMPOS DE USO:
Está moi presente na nosa fraseoloxía e debemos tratar de metela nos contextos menos rurais, substituíndo o castelán duelo:

-Está pasando a etapa do dó pola morte da súa nai.
-Presidían o dó do defunto os familiares e as autoridades.

4 OUTROS SIGNIFICADOS DE DÓ

Dó tamén se chama a primeira nota da escala musical.

Do é unha contracción da preposición e o artigo o. Neste caso non leva acento gráfico e a súa pronuncia faise cun o máis pechado (como o de oso)

5 REPASO

Recordamos que o lugar de colocación do noso pronome átono é detrás do verbo se non hai diante de ambos ningunha palabra que o arrastre.

Dó dáme o dente.

O dente dáme dó.

Vinte hoxe na feira.

Díxellelo e non fixeron caso.