Onte falaba de construír debidamente as oracións que levan os verbos AGASALLAR e OBSEQUIAR (con algo a alguén, en ambos casos). Para iso trouxen ao repasiño vocabulario patrimonial relacionado cos agasallos.
Unha desas palabras foi GARRIDO, como nome masculino para designar algo co que se agasallaba a infancia para facela xogar e divertirse. Varias amizades do Facebook recoñeceron de inmediato a palabra nas voces de súas avoas. Era, e debe seguir sendo, unha palabra habitual.
Para iso, temos que contextualizala. Este nome é unha desviación semántica do adxectivo “garrido/a” (bonito/a). ¿Que cousas serían bonitas para unha criatura da clase social campesiña e mariñeira -a falante- nos tempos pasados? Algún xoguete rudimentario, algunha cousiña que lle valese para xogar….
Non a podemos deixar morrer. Hoxe seguimos dándolle á infancia garridos, pero son doutro tipo. Polo tanto, serán garridos os xogos e xoguetes electrónicos, por moi sofisticados que sexan. Serán garridos os libros… Será un garrido todo o que a esa idade gusta recibir e que cumpre un papel fundamentalmente lúdico.
A salvación do idioma tamén consiste en contextualizar estas palabras traéndoas á nosa memoria e ao noso tempo. A salvación do idioma está tamén en conservar o vocabulario patrimonial evitando unha lingua lampa, pobre, sen xenio propio.