4. NAMORAR A, NAMORARSE, NAMORARSE DE. OUTRAS CONSTRUCIÓNS PROPIAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eu namorar, eu namorar, eu namoreime,
eu namoreime na beira do mar.
Eu namoreime dunha rapaciña
e non me puiden desnamoricar.

(Popular)

4.1.
A lingua fana os flantes. Tras deles veñen os estudosos que elevan a regras as creacións de quen crearon o idioma. Esas regras son posteriores á lingua, pero tamén inflúen nela, corrixindo desvíos e mesmo tendo en conta como deberan evolucionar algunhas palabras, maiormente os cultismos que un idioma como o galego -apartado destes estudos, dos libros e dos dicionarios durante moitos anos-, ten que crear para normalizarse e homologarse coas linguas cultas.

Estas normas tamén axudan a aprender unha lingua ás persoas que non a herdaron. Pero os textos populares fixados, como refráns e cántigas, –aínda que poden ter algún erro engadido na transmisión colectiva- son unha extraordinaria fonte de aprendizaxe que eu propoño como moi válida e que moitas veces me asentarei neles.

A cántiga que encabeza a proposta póñoa para un dos verbos máis engaiolantes en calquera lingua: NAMORAR(SE)

.Namórase alguén de alguén e namora alguén a alguén.

Eu namoreime.
Eu namoreime dunha rapaciña.
Eu namoreina
Eu namorei a unha rapaciña e a rapaciña namorouse de min.

Eu, como a cántiga, conservo o pronome reflexivo cando procede, como en moitos dos verbos que o teñen que levar:

-Arrepentirse de
-Negarse a
-Defenderse de
-Rebelarse contra
-Dirixirse a…
4.2. Repasamos casos nos que non se poden usar os reflexivos:

-Lávome/ Lavo a cabeza.
-Pérdome/ Non perdo o espectáculo de hoxe.
-Pásome de graciosa/ Paso pola casa.

-*Vente por casa (frase que resulta escrita en castelán) sería en galego: Ven pola casa.

4.3 Outras construcións para repaso

A casa/ Estar na casa.

A aula/ Saír da aula.

A clase/ Volver á clase.

A misa/ Estar na misa.

En galego non soa mal o artigo a coas palabras graves que empezan pola mesma letra en sílaba tónica, polo que será sempre:

A acta

A aula

A alma

A auga

A áncora…

CUMPRIR ANOS EN INGLÉS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Á meniña, con dous anos, andan a lle ensinar inglés, unha das grandes metas da familia, que sempre aplaudirá a quen teña a iniciativa de facelo. Na familia fala galego, que xa non é pouco. Coa familia aprendeu a contar ata cinco, sabendo perfectamente a sucesión. Na escoliña tamén lle ensinan a contar, pero en inglés. E sabe os cinco primeiros números.
A meniña sabe cantos anos ten e nunha visita de parentes, despois de tomar un café, a avoa pregúntalle polos anos para lucir aquela desexada aprendizaxe temperá nun idioma estranxeiro:
-¿Cantos anos tes?
-Dous.
-¿E en inglés?
-Tamén –respondeu a nena deixando a súa avoa moi frustrada por ter desaproveitado a ocasión de amosar que sabe unha lingua universal, aínda que a parentela non a entenda.
Eu, en cambio, véxoa con tanta intelixencia que, se cambia algo a cousa, augúrolle un gran futuro. Con moito inglés ou con algo menos.

3. REFLEXIVOS. CONTRUCIÓNS VERBAIS: ESQUECER/ ESQUECERSE DE (QUE)…

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

3.1. Repasiño do uso do pronome reflexivo

Veño lendo, e recollendo para o trasmallo deste blogue, frases na que se foxe dos verbos reflexivos facendo construcións extrafalarias. Os verbos reflexivos existen porque hai accións reflexivas: peitearse, vestirse, coidarse e ata quererse, cando a persoa se quere a si mesma. Outra cousa son os falsos reflexivos onde o pronome que fai esa función sobra. Vexamos:

Eu lávome/ Eu lavo a cara.
Ti perdes o concerto desta tarde/ Ti pérdelo
Saquémonos do medio/ Saquemos os zapatos.

Fóra xa que logo eses “*Eu non mo perdo”, que tanto abonda en momentos de euforia por certos acontecementos:
“*Vaste perder o concerto desta tarde?…

Ou na publicidade mal supervisada:
“*Quitémonos a morriña”

Da mesma maneira que hai que botar fóra estes, hai que botar máns de outros que son necesarios para rematar a acción verbal.

 

3.2. Esquecer/ esquecerse de

O verbo esquecer, igual que olvidar acordar e outros, pode levar o reflexivo ou non segundo o significado e a esixencia da frase:

-Esquecín a lección/ esquecina/ esquecinme dela

-Olvidei decirche que estás convidada/ olvideime de che dicir (ou de dicirche) que estás convidada.

-Acordei ir eu só, que para iso non fai falta ninguén máis.

Acordou aí polas tres da mañá e non nos deixou durmir en toda a noite.

Acordeime de ti.
Acordeime de que non fora pola tenda.

 

A repasar. E podedes formular as dúbidas e as suxerencias que consideredes oportuno facer.

TEATRO GALEGO, EN GALEGO, ENTRE GALEGOS, NA CAPITAL DE GALICIA ARREDOR DO CALDO GALEGO.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Un restaurante de sona na cidade vella.

Un cliente do país, xa home feito e dereito e un camareiro mozo.

Os dous teñen carreira universitaria. O cliente é profesor universitario e o camareiro, doutor con varios mestrados en humanidades.

CLIENTE: -¿Tedes caldo?
CAMAREIRO: -Si, señor. Caldo galego.
CLIENTE: -Moi ben ¿De que é?
CAMAEIRO: -Pois leva auga, patacas…
CLIENTE: -Si, xa. Pero, ¿de que é?
CAMAREIRO: -Xa lle digo: leva auga, patacas…
CLIENTE: -Vale, vale. Tráemo logo, que miro eu mesmo de que é.
CAMAREIRO: -Xa llo digo eu, señor. Leva auga, patacas…

Non sabería dicir cal dos dous miraba ao outro con máis cara de sorpresa. Finalmente, o rapaz arracou cara a cociña e o cliente quedou agardando pola sorpresa que ía abrir aquel xantar.

TEATRO DA RÚA: PLURILINGÜÍSMO E CAMBIO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Terraza de café con sombra en día de calor. Estase ben e hai varias mesas ocupadas. Nunha, está un rapaz da ESO cun caderno de apuntes facendo que le. Cabo del, seu avó toma un chiquito. O rapaz pasa follas e empeza a falar en voz alta:

RAPAZ: Conjunciones…
AVÓ: As conxuncións son moi difíciles porque veñen do latín.
RAPAZ: Del francés.
AVÓ: Ah! Cambiárono logo agora. Nos meus tempos non era así.
RAPAZ: Si. Ahora eso cambió mucho. Cambió todo mucho, abuelo.

A min marchábame o coche da liña e tiven que saír. Eles supoño que seguirían cos cambios…

2 CONSTRUCIÓNS GALEGAS. MAL USO DE LLE/LLES.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
2.1 VERBO INFORMAR

O verbo informar leva a preposición de:

Informaron do que pasara en París.

Xeralmente infórmase de algo a alguén que resulta informado. Ese algo é o que vai unido ao verbo pola preposición de, mentres que o pronome substituto dese ALGUÉN é un complemento directo.

Recordemos os pronomes átonos complementos directo:

me
te
o/a
nos
vos
os/as

O impersoal sería se.

 

Prestade atención a estas construcións galegas:

-Infórmoume de que tiña que pasar unha revisión.
-Infórmote de que vou estar fóra catro días.
-Infórmoo/ infórmoa de que non o/a podo recibir neste momento.
-Informáronnos de que non chegan ata mañá pola tarde.
-Informaranvos de como debedes facer para atinardes do sitio.
-Informáranos/Informáranas xa de que non era posible.
Recordamos que estes pronomes adoitan ir detrás do verbo, se non son a) oracións negativas, b) interrogativas con partícula, c) subordinadas ou d) non van introducidas por algunhas das palabras que excepcionalmente atraen o pronome:

a) Non os informaran de que non era posible.
b) ¿Quen as informara de que non era posible?
c) Dixeron que os informaran de que non era posible.
d) Alguén os informou de que non era posible.

 

PERO O QUE NOS INTERESA RESALTAR HOXE É QUE NON PODEN LEVAR OS PRONOMES LLE/LLES

*Infórmolle que recibimos o seu pedido (HAI DOUS ERROS, falta a preposición de e úsase mal o pronome obxecto directo)
*Infórmolles que non abrimos ata as dez (HAI OS MESMOS ERROS ANTERIORES)

 
2.2 OUTROS VERBOS QUE NON LEVAN *LLE/LLES, senón os obxectos directos o/a/os/as.

Atender (aténdoo/a *NON ATÉNDOLLE)
Molestar (moléstoo/a *NON MOLÉSTOLLE)
Votar (voteino/a *NON VOTEILLE)
Este uso é un castelanismo que está pasando ao galego culto por medio de escritos e usos de neofalantes que teñen diante da audiencia certo prestixio. Nada me estrañaría que, dentro de pouco, empezaran a autocorrixirse tamén os bos falantes para acabar facéndoo todos mal.

HISTORIAS DA LINGUA: LECTURA NORMATIVA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Panadería da vila atendida por unha avoa que coida a neta ao mesmo tempo que atende a clientela.
Meniña sentada nun banqueto soletreando en voz alta un conto moi rechamante que ten riba dos xoenllos.

MENIÑA: E da-que-la-che…che-gou un cro-co- di-lo…
AVOA: Cocodrilo, meniña. Le ben, anda.
MENIÑA: Un cro- co… cro- co-di- lo…
AVOA: Cocodrilo, muller. Cocodrilo.
MENIÑA: Cro- co –di- lo a- zul…
AVOA: Cocodrilo, coño! Le ben ou pecha o libro. Estasme facendo doer a cabeza. Es ben marula, muller…

A meniña pecha o libro e sae xogar á rúa onde a cativada está facendo unha algarabía tentadora.
A avoa pon un sorriso que comparten as compradoras moi cómplices con frear aquel desbaraxuste idiomático.

Fin do conflito normativo.