COMO SE APRENDE UNHA LINGUA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Hoxe vin unha foto de Marilyn cun precioso abrigo claro e a imaxe transportoume á miña casa ancaresa, porque nela axudei a traballar en moitas prendas parecidas.

Naquela época, os abrigos das mulleres eran soltos ou entallados. As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como eu aprendín o que eran as dicotomías, que non o seu nome. Así é como aprendín tamén moito do vocabulario que máis tarde tiven que ir abrindo a outros significados pero que daquela me bastaba para entenderme co mundo.

A miña adquisión idiomática está moi unida ao taller de costura. Sendo así, a palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón o fondo das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos ou de forrar pasamáns. De punta de gabián ou de picar peitos.

É ben curioso como se aprende a lingua, uníndoa a contextos do medio en que se vive, das actividades da familia, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental. Con estas palabras vaise construíndo o esqueleto do mundo. Despois, coa lectura e calquera aprendizaxe, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con calquera falante dese mesmo idioma con percepcións iniciais ben diferentes.

A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros faise con gran carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado. ¡Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que o é outra que lle poñen de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder a súa primeira lingua, porque esa idea interfire incluso en seguir falándoa cos seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que nunha familia se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si.

Cando unha sociedade, como é a nosa, admite isto hai que pensar que perdeu moito en saúde social.

Anuncios

4 pensamientos en “COMO SE APRENDE UNHA LINGUA

  1. Que realidade máis absurda. Eu sufroa co meu neto fora e na casa, e enrabéchame de carallo. Menos mao que os pais e eu lle falamos galego. Eu penso que moita xente está perdida para causa da lingua, puxo neles os ovos a serpe da tiranía, e hoxe xa non son eles, si non, uns cautivos indiferentes ao pais e a terra que os veu nacer.

  2. Eso xa está instalado e non vexo maneira de cambialo. Vos sodes avós e podedeslle falar aos vosos netos en galego, mais eu que non son nada se vexo que uns pais e uns avós galegofalantes lle falan en castelan aos cativos non ouso falarlle eu en galego. Xa estou cansa de que me digan que eu non son quen de aconsellar nada, mentras me miran con desprezo.
    Convencedevos e unha causa perdida

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s