
15.1.1
O núcleo dun verbo non ten por que ser unha soa palabra. Os verbos presentan varias formas para determinar a súa acción e pode recorrer a outros que lles sirvan de auxiliares. A pefectividade dos verbos galegos, é dicir, o feito de que a acción foi acabada no pretérito, indícase cunha soa palabra (fixen, fixera, non *he feito, *había feito), pero temos un modo de expresala con dúas: ter feito cando queremos indicar con rotundidade que a acción está finalizada no presente.
Eu mesma teño dito iso moitas veces. O verbo ter pasaría así a ser un auxiliar do verbo dicir para os tempos compostos perfectivos: pretéritos perfecto e pluscuamperfecto.
Esta combinación do verbo cunha forma non conxugable de outro (infinitivo, xerundio ou participio) chámase perífrase verbal. Toda a perífrase constitúe o núcleo do predicado. Non abonda, pois, con que unha oración teña dous verbos aparentes para ser composta. Pode ser simple.
O rapaz deu en chorar ás oito da tarde. É unha oración simple.
15.1.2
¿Como distinguimos unha perífrase?
-Aparecerán dous verbos, o primeiro conxugado e o segundo en infinitivo, xerundio ou participio, podendo ter no medio unha preposición (a, de, en) ou conxunción (que). Este segundo verbo é o que ten o significado propio.
-O primeiro verbo terá perdido o seu significado orixinal, porque pasou a ser un auxiliar do segundo. No exemplo que dixo posto, DAR non ten o seu significado. CORRER, si.
-A perífrase introducirá un importante matiz no significado do verbo principal. No exemplo exposto, ese chorar é durativo, moi longo… Outras indican que empeza a acción, que hai obrigatoriedade de facela, que é repetitiva, dubidosa, etc.
As perífrases verbais teñen a particularidade de que o pronome átono, se o houbese, pode adoptar nelas máis dunha colocación, feito que pasa tamén coas formas infinitas do verbo noutros casos.
Teño que facer o exercicio esta tarde.
Ter+que+facer
Ter perdeu o seu significado de posuír.
Facer segue tendo o seu significado.
A perífrase engade o matiz da obrigatoriedade.
Se substituímos o exercicio polo pronome o, teremos estas tres posibilidades de colocación:
Téñoo que facer (ou, se a oración fose negativa: Non o teño que facer.)
Teño que o facer.
Teño que facelo.
Imos facer o exercicio.
Imos+facer
Ir perdeu o significado de movemento cara a algún lado.
Facer conserva o seu siginificado
O matiz que se engade é que de comezo da acción.
Aquí temos dúas posibilidades de colocación do pronome:
Ímolo facer (ou, se a oración fose negativa ou calquera outra excepción: Non o imos facer)
Imos facelo
(Recordamos que aparece a forma lo, que procedes do r/s con que acaban os verbos)
15.1. 3 PROPOSTA DE ACTIVIDADES
15.1.3.1
- ¿Cales dos seguintes núcleos verbais son perífrases?
- Non admitiu que se puxese en dúbida a súa palabra
- Esta mañá empezou a chover a rolos.
- Temos que coidar máis o medio ambiente.
- Esta semana deu en soar a campá de forma estraña.
- Se queres, ímonos divertir ao San Froilán no próximo outubro.
- O reloxo boutou a andar el só.
- Non daba saído do seu pasmo.
- Mándoche abrir a porta e non me obedeces.
15.1.3.2
Transforma estas oracións segundo o modelo:
Teño que facelo/ Téñoo que facer/ Non o teño que facer/ Teño que o facer.
Debeu de levalas pero non estou segura/
Está empezando a mentirche/
Houbo que buscarvos/
MAÑÁ CORRIXIMOS AS ACTIVIDADES