2.2 AS PREPOSICIÓNS: DE. USOS E CONSTRUCCIÓNS. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

2.2.1 Transforma as oracións seguindo o exemplo:

-Había troitas no río? / -Inda había ben delas.

-Traes hoxe moitos deberes?

-Foi moita xente á verbena?

-Precisas moito cal para a parede?

-Gastan moito leite en facer manteiga?

-Saícha moito sangue do nariz?

-Botáronlle sal ao caldo?

 

2.2.2 Transforma as oracións seguindo o exemplo:

A un amigo del pasoulle o mesmo./ A un amigo de seu pasoulle o mesmo.

Unha cuñada nosa vive n’O Cebreiro.

Unha parente delas tamén se chamaba Andrea.

A finca grande é nosa.

As nosas bandeiras foron quedando atrás.

 

2.2.3

Completa as seguintes oracións de moto que estean ben construídas (Poden estar mal os pronomes. Cada * significa un erro):

**Infórmolle que hoxe se presenta un libro moi interesante.

*Estou segura que me daredes a razón.

* Dáme a sensación que hoxe fixo máis calor que onte.

**Tiña a impresión que non íaste portar ben.

 

2.2.4 Constrúe oracións condicionais seguindo o modelo: (Usa infinitivos conxugados e ten en conta a colocación do pronome átono se o houbese.

Se entras, pecha a porta./ De entrares, pecha a porta.

Se viñesen a tempo, atoparíannos na casa./

Se che pesa a caixa, déixaa que xa a iremos buscar nós.

Se vemos que se nos fai tarde, collemos un taxi.

 

2.2.5 Completa coa preposición de facendo as debidas contraccións.

Esta maleta non é nosa, que é __  eles.

__este lado do río hai menos árbores __ que pensabamos.

Cal _ os teus amigos foi quen te enganou falando __ parvadas?

Sei, __ algún xeito, que estás __ a nosa parte.

Saíron __ a casa e deixaron as chaves__o garaxe dentro.

Non saias __a aula sen pedir permiso por nada __ mundo.

 

CORRIXIREMOS O XOVES DÍA 2 PARA QUE POIDADES FACELAS CON CALMA.

 

2.1. AS PREPOSICIÓNS: DE. USOS E CONTRUCCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

2.1.1

PREPOSICIÓN DE: USOS

A preposición “de” expresa, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, os seguintes valores:

Posesión, pertenza: A casa de Xoán.

Procedencia: Veño de Lugo

Materia: Mesa de carballo. Augardente de herbas.

Contido, asunto: Unha novela de viaxes.

Parentesco: Vai vir un curmán da súa muller.

Finalidade, uso: Máquina de escribir. O garfo do pescado.

Carácter, condición: Produto de calidade.

Situación no tempo: De día e de noite. Veñen de verán pasar as vacacións.

Causa: Morre de pena.

Punto de partida: De hoxe en diante. De hoxe en quince días.

Modo: Fíxoo de boa fe.

Axente  (Sinónimo: por): O problema é de todos coñecido.

Partitivo: Xente aínda había ben dela.

Forma parte de locucións modais: De repente, de fociños.

Úsase tras certos verbos e antecedendo un infinitivo, formando ou non perífrases:  Acabar de chegar. Hanlle de dar o que merece.

OBSERVACIÓNS: A preposición de contrae coas seguintes clases de palabras dando as formas que se expresan:

  1. Co artigo determinado (o, a, os, as): do, da, dos, das.
  2. Co artigo indeterminado (un, unha, uns, unhas): dun, dunha, duns, dunhas.
  3. Coas formas tónicas do pronome persoal de terceira persoa (el, ela, eles, elas): del, dela, deles, delas.
  4. Cos demostrativos (este, ese, aquel, isto…; estoutro, esoutro, aqueloutro): deste, dese, daquel, disto
  5. Cos indefinidos (algún e outro): dalgún, doutro

2.1.2

CONTRUCCIÓNS

2.1.2.1

PARTITIVOS

O uso partitivo que deixo remarcado é galego. Quen saibades francés, podedes atopar nisto unha semellanza entre ambos idiomas. Non se debera deixar perder nese galego plano ao que nos estamos afacendo.

-Queres máis macarróns?

Non. Xa comín ben deles.

Levaba moita auga o río?

Pois levábache ben dela.

 

2.1.1.2

POSESIVOS

De+pronome átono, constitúen un posesivo.

O coche é del = O coche é seu.

Temos unha construcción galega propia, que tampouco podemos deixar perder:

“Quen casa ten de seu ten media vida…” (Rosalía, en Follas novas)

De meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu.

Por un lado vén a ser un SINÓNIMO  de propio e propia. Por outro, é un reforzo da propiedade que marca énfase na unión.

“É un tío de meu”.

2.1.1.3

CONSTRUCCIÓNS

Hai construccións que esixen esta preposición, das que se adoita eliminar quizabes por reacción contra un “dequeísmo” que tamén era incorrecto:

Informar de: Infórmovos de que mañá hai un paro no transporte público.

Estar seguro/a, convencido/a… de: Estou segura de que isto vos interesa. Estou convencido de que non nos conta a verdade.

AGRADÉZOVOS QUE VAIADES VENDO O CONTIDO DESTA UNIDADE E FACENDO PRÁCTICAS DE VOSO. O LUNS, PUBLICO UNHA PROPOSTA DE ACTIVIDADES.

BOA FINDE.

1. AS PREPOSICIÓNS: A. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

1.3. 1

-Esta tarde vou ao cinema que está ao lado da túa casa.
Ás 10h agárdote para darnos un paseo. Non esquezas que ás 12h teño que ir á clase.
Ao outro lado da rúa, crin ver un supermercado á man dereita.
Ás veces é mellor non protestar e seguir ao que ías.
1.2.2
Ía dicirlle que calase, pero xa o fixo el.
Ía poñerlle o seu nome no caderno, para que se saiba de quen é.
Non vas crer o que che teño que contar.
Ías adiantarme cincuenta euros e agora disme que non.
1.2.3
Cando entrei, vós seguiades a falar.
Está cos cóbados cruzados no postigo a mirar quen pasa. (Había un erro tipográfico meu que agora corrixo. A construción é “cos cóbados”. Pido desculpas)
Non serán eles quen crucen a praza a correr.
Se queres unha taza de caldo, está a ferver na pota.
1.2.4
Ando todo o día a correr e non dou feito!

Estas construcións están moi presentes no castelán galego, moi sui generis, sobre todo en falantes maiores. Por desgraza para o galego, son as construcións casteláns as que están irrompendo nos falantes máis novos.

 

ATENCIÓN

As solucións propias do galego son á dereita e á esquerda, con preposición + artigo. Igualmente á man dereita e á man esquerda.

 

MAÑÁ FALAMOS DA PREPOSICIÓN DE

 

 

 

1.2 AS PREPOSICIÓNS: A. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

1.2.1 Completa coa contracción correspondente. Ten en conta que podes escribir ao/ó, aos/ós. Non obstante, debes facelo sempre co mesmo criterio, non mesturándo as dúas solucións.

 

Esta tarde vou __ cinema que está __ lado da túa casa.

__ 10h agárdote para darmos un paseo. Non esquezas que __ 12h teño que ir __ clase.

__ outro lado da rúa, crin ver un supermercado __ man dereita.

__veces é mellor non protestar e seguir__ que ías.

 

1.2.2

Completa a perífrase incoativa ir+infinitivo. Se é necesario, engádelle ao verbo ir un pronome átono.

 

______ que calase, pero e xa o fixo el.  (Dicir)

_____  o seu nome no caderno, para que se saiba de quen é. (Poñer)

Non_____o que che teño que contar. (Crer)

____ cincuenta euros e agora disme que non. (Adiantar)

 

1.2.3

Constrúe doutro xeito esta frase empregando a preposición a:

Cando entrei, vós seguiades falando.

Está cos cóbados cruzados no postigo mirando quen pasa.

Non serán eles quen crucen a praza correndo.

Se queres unha taza de caldo, está fervendo na pota.

 

1.2.4.

Tedes reparado nos galeguimos desta oración “do castelán galego”: *Ando todo el día a correr y no doy hecho?

 

 

MAÑÁ CORRIXIMOS E PASAMOS A OUTRA PREPOSICIÓN

 

 

 

1.1 AS PREPOSICIÓNS: A

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

1.1.1.

CONCEPTO

As preposicións son palabras nexo que serven para relacionar outras partes da oración entre si. Poden ser unha palabra  (preposición propiamente dita) ou estar formadas por máis dunha palabra (locucións preposicionais).

 

1.1.2

PREPOSICIÓN A: USOS

A preposición “a” ten varios usos.

Segundo o Dicionario da Real Academia Galega:

 

1 Introduce o complemento indirecto e, ás veces, o directo cando este se refire a persoas:

Deulle unha patada a unha pedra. Dilles aos rapaces que veñan. Chamei a teu pai.

 

OBSERVACIÓNS: O uso desta preposición introducindo o complemento directo é moi reducido; deben restrinxirse usos como levou ás fillas onda a avoa, ou avisar a un médico.

 

2 Pode indicar dirección, fin, ou o termo dunha acción ou dun movemento.

Vai á vila. Levárono ao veterinario. Entraron a nun restaurante.

 

3 Emprégase para expresar localización espacial ou temporal.

Está á man dereita. Petou á porta. Chegou á noitiña.

 

4 Úsase para indicar exposición aos axentes meteorolóxicos ou físicos.

Estar ao frío. Estar ao resío. Estar á xeada.

 

5 Marca intervalos espaciais e temporais.

Abre de catro a oito da tarde. De aquí á casa hai cen metros.

 

6 Utilízase para indicar prezo, cantidade ou distribución proporcional.

Vende todo a un euro. Saímos a doce euros por cabeza. As cereixas van a tres euros o quilo.

 

7 Emprégase para expresar modo, procedemento, método, medio ou instrumento.

Cóseo á man. Foi a pé. Están xogando á pelota. Levouno ao lombo.

 

8 Pode significar ‘en relación con’, ‘en canto a’.

Non sei que dicir a isto.

 

9 Úsase a miúdo ante infinitivo formando parte ou non dunha perífrase verbal. Botou a correr. Está empezando a chover. Estaba a falar con ela. Nós a dicir que si e eles que non.

 

1.1.3

CONTRACIÓNS

Como puidestes ver nos exemplos, a preposición a contráese cos artigos a,o,as,os, dando como resultado á,ao/ó, ás, aos/os

Estes ao/aos hai que pronuncialos igual que ó/ós, cun o aberto como o de avó. Polo tanto, a diferencia é de escrita pero non de pronuncia.

 

1.1.4

PERÍFRASES

Recordade que nas perífrases o verbo que se conxuga perdeu o seu significado total ou parcialmente.

 

-Verbo +a+infinitivo equivale a xerundio:

Anda a sachar nas patacas= Anda sachando as patacas.

E seguía a falar= Seguía falando.

 

Ir+infinitivo é unha perífrase que non leva a. Antes, os galegoparlantes suprimíana no castelán. Hoxe, chéganos desde esa lingua e estase introducindo de xeito galopante.

 

Vou facer os exercicios.

Vouche dicir catro cousiñas, que xa levo calado moito.

Nin vos imos consentir que nos deades leccións.

 

-Outras perífrases con a:

Botarse a…

Empezar a…

 

ÍDEVOS FIXANDO E ANOTANDO O QUE TEÑADES QUE ACLARAR. RECORDADE QUE PODEDES CONSULTALO. MAÑÁ PROPOREMOS UNHA BATERÍA DE ACTIVIDADES.

3.2. TRASMALLO NA REDE. ERROS. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

3.2.1

Cada vez que vemos un prato destes, vénnos á cabeza o desexo de meterlles o dente. ( Tamén “…de  lles metermos o dente./… de metérmoslles o dente”, se usamos o infinitivo conxugado.
Os fillos teñen moitos amigos e preséntanchos.
…sen deter a sua marcha,…bica a praia..e vaise….
Tedes que facer un agasallo e aínda non tedes moi claro que mercar? Pasade pola nosa tenda! Hai de todo.
O presidente estadounidense levaba o billete para pagar uns mojitos e algunha tapa típica.
…estaban no xardín pero o tempo acábaas.
Se andas por Lugo non perdas o recital de poesía.
Como se bota en falta o noso irmán.
Onde as dan, tómanas.
Para iso, o alumnado de 1º montará 3 zonas de atención ao público.
Fixéronnos chorar,fixéronnos pasar frio, mandáronnos á merda …
Sempre a leamos do ben que o pasamos.
Perdín a feira do cocido do ano pasado por estar de viaxe.
…moita falta me fan estes libros.

Podedes visitar calquera das zonas a partir das 12:00h. e por suposto que lles gustaría que viñerades acompañdos/as por quen vós estimedes oportuno.
Non perdades esta tan interesante actividade
Os intelectuais pretenden que se entendan./ … ser entendidos.
Véselles o raseiro plumeiro…son do peoriño…
Pero…, iso vótase?
…síntoo, mais se che dan este premio, obrígate a falar en galego, aínda que sexa mal.

 

3.1. TRASMALLO NA REDE. ERROS.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

3.1.1

En todas estas oracións hai erros. Trata de localizalos e corrixilos. Quen seguides as unidades, teriades que saber corrixilos todos: pronomes, usos, colocacións e verbos. Sorte.

 

*Cada vez que vemos un prato destes, se nos vén á cabeza o desexo de lle meter o dente.

*Os fillos teñen moitos amigos e chos presentan.

*…sin deter a sua marcha,…bica a praia..e se vai….

*Tedes que facer un agasallo e aínda non tedes moi claro que mercar? Pasádevos pola nosa tenda! Hai de todo.

*O presidente estadounidense levaba o billete para pagarse uns mojitos e algunha tapa típica.

*…estaban no xardín pero o tempo as acaba.

*Si andas por Lugo non te perdas o recital de poesía.

*Como bótase en falta ao noso irmán.

*Onde as dan, as toman.

*Para elo, o alumnado de 1º montaran 3 zonas de atención ao público.

*Nos fixeron chorar,nos fixeron pasar frio, nos mandaron a merda …

*Sempre a leamos do ben que nolo pasamos.

*Perdinme a feira do cocido do ano pasado por estar de viaxe.

*…moita falta fanme estes libros.

*Podeis visitar calquera das zonas a partires das 12:00h.  e por suposto que les gustaría que veñades acompañdos/as por quen vós estimes oportuno.

*Non vos perdades esta tan interesante actividad.

*Os intelectuais pretenden que se lles entenda.

*Se lles ve o raseiro plumeiro…son do peoriño…

*Pero…, iso se vota?

*…o sinto, mais se che dan este premio, obriga a falar en galego, aínda que sexa mal.

 

CORREXIRÉMOS A ACTIVIDADE MAÑÁ POLA NOITE.

17.2 CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

17.2.1

Pon as desinencias do infinitivo conxugado nos que poidas facelo. Deixa os pronomes como están colocados.

  1. Haberá moitas ocasións de vérMOnos, que os dous somos moi novos.
  2. Eis un motivo para levárDESnos, pois vós tedes coche e nós non.
  3. Cómpre verMOS sempre o lado positivo dos camiños para atrevérMOnos a seguir os nosos pasos.
  4. Ao saírES, pecha a porta. Sempre deixas aberto por liscarES antes de tempo.
  5. Con te poñerES a andar xa tiñas bastante.
  6. Non saberMOS calar a tempo tróuxonos este disgusto.
  7. Téñoche dito máis del mil veces que non debo ir alí por me estar prohibido.
  8. Di o que queiras pero puideches axudarme e non o fixeches.
  9. Sempre anda dicindo que queremos amolalo, pero non ten razón. Non nos dedicamos a tratarMOS mal a xente.
  10. Se queres traer compañía, podes facelo.
  11. Por obedecer ordes inxustas fixo moito mal.
  12. Non vou dicirche o que me parece.

 

 

O MÉRCORES PROPOREMOS UN REPASO CON ERROS PESCADOS NO TRASMALLO

 

4.EN QUE IDIOMA ESTÁ O RÓTULO?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Se os da Coca Cola reparten a mercancía nun coche que ten escrito “¿Andas buscando un bar?. Sígueme”, en que idioma está o rótulo?

É posible que, dadas as circunstancias anómalas da lingua e a pouca relación que damos por sentado que garda coa Coca Cola, a resposta que nos podería dar bastante xente sexa: “En castelán”.

Se repetimos a pregunta presentando estoutro texto alternativo: “¿Andas a buscar un bar?. Sígueme”, é probable que a xente nos responda que está en galego.

A realidade, non obstante, é que están en galego os dous. Mesmo lles vou perdoar o signo de interrogación inicial que poñen na frase que consideran galega, porque creo que non debeu ser suprimido por facilitar moito a lectura.

Pasa como cando acudimos a unha oficina do servizo de Correos e vemos textos duplicados atribuíndoos a cadansúa lingua. Perda de tempo e mesmo de recursos. Abondaría con colocar un. “Entrada”, “Espere”, “Envíos”… Hai unha serie inmensa de palabras e moitas frases comúns. “Por favor, espere”: eu non sabería dicir en que idioma está porque está en dous e non pasa nada.

Non hai moito, fun tomar nota a un cemiterio rural do número de lápidas que tiña en galego e en castelán. Ao pasar lendo algunhas foime imposible sabelo con certeza. Como no caso da Coca Cola, polo costume de ver as lápidas de toda a vida en castelán, inclinaríame por dicir que se tiña un D.E.P. debaixo dun nome e as datas de nacemento e morte postas en números, estaba en castelán. Pero non pasaba de ser un prexuízo porque non tiña datos obxectivos para sabelo.

Hai moitos prexuízos que inflúen nas linguas sendo absolutamente externos a elas. Algúns non pasan de seren anécdotas máis ou menos curiosas, pero outros fanlles moito dano: atribuírlles superioridade cultural, negarlles a capacidade para expresar determinados contidos do pensamento, asocicialas a subdesenvolvemento e a pobreza… Mozart tivo moitos problemas para compoñer óperas sobre o libreto en alemán, porque se consideraba que non valía para ese uso. Non hai moito oínlle dicir a alguén que se dedica ao ensino da Filosofía entre nós, que o galego non vale para filosofar.

Volvendo á Coca Cola, o que resulta curioso é ler a noticia de que a frota de vehículos da empresa acaba de rotular os seus coches en galego e que foron presentados na Cidade da Cultura. Podemos sobreentender, polo lugar e a presenza de responsables da Política Lingüística do noso Goberno, que recibiron axuda económica para facer un letreiro moi pouco atractivo por esa rima interna que lle puxeron. Que lástima de axudas!

 

 

17.1. INFINITIVO CONXUGADO. USOS. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

17.1.1

O infinitivo conxugado non pode usarse sempre. Como a súa función é marcar o suxeito da oración, se o da oración principal e o do infinitivo subordinado son o mesmo, non pode ir conxugado. Pode facerse, así e todo, cando vai introducido por unha preposición.

Teremos que ter en conta, polo tanto, dúas condicións, para o utilizarmos:

  1. Que poida conxugarse
  2. No caso de que sexa posible, que leve a desinencia correspondente á persoa gramatical que lle corresponde (segunda do singular e as tres do plural)

 

17.1.2

A colocación pronominal segue sendo a propia do infinitivo, antes ou detrás del. Mais debemos ter en conta, se vai detrás, que cando o infinitivo acaba en S e o pronome empeza por N, o n asimila o s, que desaparece:

LevarmoS+Nos= levármonos.

Aquí tamén se cumpre o cambio de r ou s final do infinitivo por l ante un pronome que empece por vogal:

Levares+as= levárelas

 

17.1.3

Desde o punto de vista ortográfico, debemos ter que en conta que, se o pronome se une ao infinitivo e se converte en palabra esdrúxula, debemos colocarlle til ortográfico a sílaba correspondente.

Levardes+o= Levárdelo.

 

17.1.3 PROPOSTA DE ACTIVIDADES

Pon as desinencias do infinitivo conxugado nos que poidas facelo. Deixa os pronomes como están colocados.

  1. Haberá moitas ocasións de vernos, que os dous somos moi novos.
  2. Eis un motivo para levarnos, pois vós tedes coche e nós non.
  3. Cómpre ver sempre o lado positivo dos camiños para atrevernos a seguir os nosos pasos.
  4. Ao saír, pecha a porta. Sempre deixas aberto por liscar antes de tempo.
  5. Con te poñer a andar xa tiñas bastante.
  6. Non saber calar a tempo tróuxonos este disgusto.
  7. Téñoche dito máis del mil veces que non debo ir alí por me estar prohibido.
  8. Di o que queiras pero puideches axudarme e non o fixeches.
  9. Sempre anda dicindo que queremos amolalo, pero non ten razón. Non nos dedicamos a tratar mal a xente.
  10. Se queres traer compañía, podes facelo.
  11. Por obedecer ordes inxustas fixo moito mal.
  12. Non vou dicirche o que me parece.

 

CORREXIREMOS O LUNS PARA VOS DEIXAR TEMPO A QUE O FAGADES BEN. MAÑÁ POÑEREMOS ALGO DE LINGUA E SOCIEDADE.