17.2 CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

17.2.1

Pon as desinencias do infinitivo conxugado nos que poidas facelo. Deixa os pronomes como están colocados.

  1. Haberá moitas ocasións de vérMOnos, que os dous somos moi novos.
  2. Eis un motivo para levárDESnos, pois vós tedes coche e nós non.
  3. Cómpre verMOS sempre o lado positivo dos camiños para atrevérMOnos a seguir os nosos pasos.
  4. Ao saírES, pecha a porta. Sempre deixas aberto por liscarES antes de tempo.
  5. Con te poñerES a andar xa tiñas bastante.
  6. Non saberMOS calar a tempo tróuxonos este disgusto.
  7. Téñoche dito máis del mil veces que non debo ir alí por me estar prohibido.
  8. Di o que queiras pero puideches axudarme e non o fixeches.
  9. Sempre anda dicindo que queremos amolalo, pero non ten razón. Non nos dedicamos a tratarMOS mal a xente.
  10. Se queres traer compañía, podes facelo.
  11. Por obedecer ordes inxustas fixo moito mal.
  12. Non vou dicirche o que me parece.

 

 

O MÉRCORES PROPOREMOS UN REPASO CON ERROS PESCADOS NO TRASMALLO

 

Advertisements

4.EN QUE IDIOMA ESTÁ O RÓTULO?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Se os da Coca Cola reparten a mercancía nun coche que ten escrito “¿Andas buscando un bar?. Sígueme”, en que idioma está o rótulo?

É posible que, dadas as circunstancias anómalas da lingua e a pouca relación que damos por sentado que garda coa Coca Cola, a resposta que nos podería dar bastante xente sexa: “En castelán”.

Se repetimos a pregunta presentando estoutro texto alternativo: “¿Andas a buscar un bar?. Sígueme”, é probable que a xente nos responda que está en galego.

A realidade, non obstante, é que están en galego os dous. Mesmo lles vou perdoar o signo de interrogación inicial que poñen na frase que consideran galega, porque creo que non debeu ser suprimido por facilitar moito a lectura.

Pasa como cando acudimos a unha oficina do servizo de Correos e vemos textos duplicados atribuíndoos a cadansúa lingua. Perda de tempo e mesmo de recursos. Abondaría con colocar un. “Entrada”, “Espere”, “Envíos”… Hai unha serie inmensa de palabras e moitas frases comúns. “Por favor, espere”: eu non sabería dicir en que idioma está porque está en dous e non pasa nada.

Non hai moito, fun tomar nota a un cemiterio rural do número de lápidas que tiña en galego e en castelán. Ao pasar lendo algunhas foime imposible sabelo con certeza. Como no caso da Coca Cola, polo costume de ver as lápidas de toda a vida en castelán, inclinaríame por dicir que se tiña un D.E.P. debaixo dun nome e as datas de nacemento e morte postas en números, estaba en castelán. Pero non pasaba de ser un prexuízo porque non tiña datos obxectivos para sabelo.

Hai moitos prexuízos que inflúen nas linguas sendo absolutamente externos a elas. Algúns non pasan de seren anécdotas máis ou menos curiosas, pero outros fanlles moito dano: atribuírlles superioridade cultural, negarlles a capacidade para expresar determinados contidos do pensamento, asocicialas a subdesenvolvemento e a pobreza… Mozart tivo moitos problemas para compoñer óperas sobre o libreto en alemán, porque se consideraba que non valía para ese uso. Non hai moito oínlle dicir a alguén que se dedica ao ensino da Filosofía entre nós, que o galego non vale para filosofar.

Volvendo á Coca Cola, o que resulta curioso é ler a noticia de que a frota de vehículos da empresa acaba de rotular os seus coches en galego e que foron presentados na Cidade da Cultura. Podemos sobreentender, polo lugar e a presenza de responsables da Política Lingüística do noso Goberno, que recibiron axuda económica para facer un letreiro moi pouco atractivo por esa rima interna que lle puxeron. Que lástima de axudas!

 

 

17.1. INFINITIVO CONXUGADO. USOS. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

17.1.1

O infinitivo conxugado non pode usarse sempre. Como a súa función é marcar o suxeito da oración, se o da oración principal e o do infinitivo subordinado son o mesmo, non pode ir conxugado. Pode facerse, así e todo, cando vai introducido por unha preposición.

Teremos que ter en conta, polo tanto, dúas condicións, para o utilizarmos:

  1. Que poida conxugarse
  2. No caso de que sexa posible, que leve a desinencia correspondente á persoa gramatical que lle corresponde (segunda do singular e as tres do plural)

 

17.1.2

A colocación pronominal segue sendo a propia do infinitivo, antes ou detrás del. Mais debemos ter en conta, se vai detrás, que cando o infinitivo acaba en S e o pronome empeza por N, o n asimila o s, que desaparece:

LevarmoS+Nos= levármonos.

Aquí tamén se cumpre o cambio de r ou s final do infinitivo por l ante un pronome que empece por vogal:

Levares+as= levárelas

 

17.1.3

Desde o punto de vista ortográfico, debemos ter que en conta que, se o pronome se une ao infinitivo e se converte en palabra esdrúxula, debemos colocarlle til ortográfico a sílaba correspondente.

Levardes+o= Levárdelo.

 

17.1.3 PROPOSTA DE ACTIVIDADES

Pon as desinencias do infinitivo conxugado nos que poidas facelo. Deixa os pronomes como están colocados.

  1. Haberá moitas ocasións de vernos, que os dous somos moi novos.
  2. Eis un motivo para levarnos, pois vós tedes coche e nós non.
  3. Cómpre ver sempre o lado positivo dos camiños para atrevernos a seguir os nosos pasos.
  4. Ao saír, pecha a porta. Sempre deixas aberto por liscar antes de tempo.
  5. Con te poñer a andar xa tiñas bastante.
  6. Non saber calar a tempo tróuxonos este disgusto.
  7. Téñoche dito máis del mil veces que non debo ir alí por me estar prohibido.
  8. Di o que queiras pero puideches axudarme e non o fixeches.
  9. Sempre anda dicindo que queremos amolalo, pero non ten razón. Non nos dedicamos a tratar mal a xente.
  10. Se queres traer compañía, podes facelo.
  11. Por obedecer ordes inxustas fixo moito mal.
  12. Non vou dicirche o que me parece.

 

CORREXIREMOS O LUNS PARA VOS DEIXAR TEMPO A QUE O FAGADES BEN. MAÑÁ POÑEREMOS ALGO DE LINGUA E SOCIEDADE.

16.2. INFINITIVO CONXUGADO. FORMAS. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

16.2.2

Éme hora de ir para a cama, que tira o colchón por min.
Fago isto para ser un bo colega.
Cando me dei conta de que iamos perdidos foi ao pasarmos a volta do Castro.

Ti e mais eu non imos ser suficientes para levarmos tanto paquete.
Ao sermos catro, non nos van facer caso. Mellor irmos unha por unha unha.
Xa me encargo eu de o despertar cedo.
Por vires a destempo, quedas sen o libro que estaban a entregar.
Non me mires con ollos de me perdonares a vida.

 

RECOMENDO QUE DEADES UN REPASIÑO Á CONXUGACIÓN TRATANDO DE VOS FAMILIARIZARDES COAS FORMAS. MAÑÁ DAREMOS UN PASIÑO MÁIS EXPLICANDO CANDO PODE USARSE E UNS CAMBIOS QUE HAI NAS CONSOANTES QUE SE XUNTAN, POLO QUE NON POIDO ADIANTAR HOXE COMO QUIXERA. DEIME CONTA AO POÑER UN EXEMPLO.

16.1 INFINITIVO CONXUGADO. FORMAS.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

16.1.1

O infinitivo galego admite formas desinenciais segundo a persoa gramatical que corresponda ao seu suxeito.

 

SINGULAR

De chegar tarde, non me darán a cea.

De chegares tarde, non che darán a cea.

De chegar tarde, non lle darán a cea.

 

PLURAL

De chegarmos tarde, non nos darán a cea.

De chegardes tarde, non vos darán a cea.

De chegaren tarde, non lles darán a cea.

 

Como podes ver, teñen formas especiais a 2ª persoa do singular e as 1ª, 2ª e 3ª do plura.

Non é obrigatorio o seu uso, aínda que si é unha característica do idioma que non debemos deixar perder. Pero hai que ter moito coidado de usala ben. Poñer unha forma á persoa que non lle corresponda crea unha enorme contradición na oración correspondente. É raro o día que non encontro no meu trasmallo uns cantos erros deste tipo, que á vista e aos oídos de quen fala son auténticas perplexidades. Ademais, non se pode utilizar sempre.

 

16.1.2.

PROPOSTA DE ACTIVIDADES.

 

Corrixe as formas dos infinitivos conxugados que estean mal:

a) Éme hora de ires para a cama, que tira o colchón por min.

b) Fago isto para seren un bo colega.

c) Cando me dei conta de que iamos perdidos foi ao pasarmos a volta do Castro.

d) Ti e mais eu temos non imos ser suficientes para levaren tanto paquete.

e) Ao seren catro, non nos van facer caso. Mellor ir unha por unha unha.

f) Xa me encargo eu de o despertaren cedo.

g) Por vires a destempo, quedas sen o libro que estaban a entregar.

h) Non me mires con ollos de me perdonaren a vida.

 

NA PRÓXIMA UNIDADE FALAREMOS DAS REGRAS DO SEU USO.