3.3 AS PREPOSICIÓNS: POR. USOS E CONSTRUCCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

3.3.1 Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, a preposición por expresa:

1 Lugar onde ou lugar a través do que.

Di que perdeu a carteira polo camiño. Vai polo camiño ás carreiras. Por aquí chégase á cima do monte.

2 Tempo pouco preciso.

Aí polas tres hei de pasar por aquí. Polo mes de xaneiro neva e vai frío.

3 Duración no tempo.

Déronlle traballo por seis meses.

4 Causa ou motivo.

Has xantar ti só por chegares tarde.

5 Finalidade

Foi ao poleiro por ovos.

6 Prezo, valor.

Merquei uns zapatos por catro trinta euros.

7 En proveito de, a favor de.

Fágoo por ti.

8 Relaciona os factores dunha multiplicación.

Tres por seis.

9 Introduce o complemento dalgúns verbos.

Andaron preguntando por vós. Vinde por min ás cinco.

10 Expresa o axente.

O problema é coñecido por todos. Foi detido por un policía.

11 Seguido do pronome interrogativo que, serve para preguntar a causa ou o motivo polo que se fai ou ocorre algo.

Por que non viñeches? Dime por que non viñeches.

12 Indica medio de transmisión ou de transporte.

Escoiteino pola radio. Enviouno por correo.

13 Substitución.

Cambiou os zapatos polas botas.

14 Proporción.

Tocoulles pagar dez euros por persoa.

 

3.3.2. Contraccións

A preposición por contrae coa segunda forma do artigo lo, la, los, las, dando as seguintes formas: polo, pola, polos, polas.

Non contrae cos pronomes que teñen esas mesmas formas, aínda que a pronuncia sexa a mesma:

-Por o traer, non che cobran. (A pronuncia sería igualmente Polo traer…)

 

3.3.3 POR/PÓR

A preposición escríbese sen til ortográfica. Si levará til diacrítica (para distinguirse) a forma contraída do verbo poñer: pór, que é o único verbo galego que non acaba en –ar, -ir ou -er. A pronuncia é a mesma nas dúas palabras.

-Vou por leña.

-Vou pór os pés ao sol.

 

3.3.4 POR QUE/ PORQUE/ PORQUÉ

A preposición por úsase en preguntas directas e indirectas co interrogativo que:

-Por que te enfadas? (Interrogativa directa, que leva signo ao final)

 

-É moi difícil saber por que te enfadas. (Interrogativa indirecta, que non leva signo).

 

Porque é unha conxunción causal:

-Estou preocupada porque non sei a que hora chegará o tren.

 

Porqué equivale a causa (vai substantivado polo artigo o ou un indefinito que leva diante):

-Está moi contenta e gustaríame saber o porqué.

-Comportouse así e non lle hai que buscar ningún porqué.

 

3.3.5 Por+infinitivo

A construcción por+infinitivo constitúe unha oración subordinada adverbial causal:

-Por chegares tarde, quedas sen a cea.

-Xa que/ porque chegaches tarde, quedas sen a cea.

 

 

MAÑÁ PROPOREMOS UNHAS ACTIVIDADES PARA CORRIXIR O PRÓXIMO LUNS.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s