OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Dous alumnos dun IES da montaña luguesa fixéronme esta entrevista para un traballo. Creo que a súa lectura pode dar lugar a algunha reflexión e déixoa neste blogue porque forma parte do aspecto sociolingüístico que nunca debe saltarse nunha lingua que ten problemas coa súa sociedade.

Cal  é a súa ltingua habitual?

-A galega.

Por que usa esa lingua?

-Podía contesar con palabras de Celso Emilio Ferreiro:

“…eu faloa porque si, porque me gosta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro,…

Pero vou facelo de xeito máis sinxelo: porque é a miña e a do meu país.

Usa nalgún ámbito a outra lingua? En cal?

-Moi excepcionalmente,  podo usar o castelán, o francés ou o inglés.  En que ámbito? No literario. No comunicativo, fágoo cando teño necesidade porque  a persoa interlocutora é foránea  e precisamos un idioma que entendamos as dúas.

Sentiuse algunha vez discriminada por falar galego?

-Que difícil é dar esta resposta! Se tiña que falar outra lingua que non falaba na casa e me escolarizaron nunha lingua que non era a miña, si estiven discriminada moitísimos anos. Pero, a efectos teóricos, mentres o galego foi unha lingua non normal eu podía falar castelán e facíao.  Desde que a lingua se fixo oficial, pasei a utilizala dentro do país en exclusiva e nunca me trouxo problemas. Outra cousa é que me contesten nela, claro. Pero nos ambientes en que me movo, intentan xeralmente falarmo tamén.

Pensa que o galego debería ser unha lingua de uso habitual?

-En Galicia está ben claro que si. Cal se non?

Por que?

-Porque é normal que os habitantes dun país que ten o tesouro dunha lingua propia a falen en calquera situación. Con todos os meus respectos, non facelo así ten algo de anómalo, aínda que moita xente non o vexa ou non o queira ver porque inda está cargada de prexuízos.

Pensa que o galego é máis importante que calquera outra lingua?

Para min si. E debera selo para calquera persoa que se diga galega. Non hai superioridades lingüísticas, pero a propia é a primeira, sen dúbida, porque vai pegada á nosa pel e porque con ela repetimos as palabras dos antergos. É tamén unha lingua de amor.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cal pensa que será o futuro do galego?

-Está nas mans de galegas e galegos. Se algún día a este país lle entra o sentido común e empeza porque as familias non lles neguen ás fillas e aos fillos o dereito a pertencer plenamente a el tal como é, terá supervivencia. Se se segue negando a si mesmo, non o sei. Non obstante, hoxe é unha lingua de cultura e de posibilidades. A cultura galega máis viva, creativa e dinámica hoxe faise nesta lingua. Afortunadamente, xa os obreiros falan castelán e os catedráticos galego. O ideal sería unha lingua para todos, pero hai cambios cualitativos moi fortes e estimulantes que, se cadra, non chegan a todo o país para servir de modelo.  Hoxe non é o castelán quen garantiza o ascenso social que os pais e nais pensaron noutra época. Eu teño unha filla e un fillo que, falando catro ou cinco idiomas, fan a súa vida persoal e profesional en galego. Con orgullo, teño que engadir que son persoas de relevancia cultural e mesmo social con proxección internacional.

Cales serían as medidas a tomar para que o galego tivese máis presenza?

-Hai responsabilidades individuais –cadaquén temos a nosa que é intransferible- e responsabilidades colectivas, que son as diversas institucións públicas e privadas, desde os Concellos ata a Xunta de Galicia pasando pola Xudicatura, Igrexa, Empresariado… Se nos concienciamos de que a lingua é unha riqueza cultural para un país que se pode comunicar tamén a través dela con centos de millóns de falantes de toda a lusofonía acabarémola vendo como lingua de probabilidades, ademais de ser a propia. Daquela, esixirémolles aos políticos que a respecten e que traballen nela e por ela, non que fagan un paripé que é como unha eutanasia pasiva e nin sequera a empreguen en público. É unha dinámica que debe nacer da sociedade, porque os políticos e políticas, que teñen moita responsabilidade na configuración dun país,  fan o que cren que lles dá votos. Galicia sufriu unha regresión escandalosa desde a chegada de Feijóo, sen que fose antes ningunha marabilla. A escola está hoxe programada para facer desaparecer lentamente o idioma. E dáme moita mágoa porque eu empecei a dar clase de galego, de forma voluntaria e acollida a Lei Villar Palasí de 1970, en Ferrol. Tamén fun pioneira en impartila xa obrigatoriamente en Santiago no primeiro curso que puido facerse, se o colexio o permitía, o 1979-80.

 

Cal cre que é a presencia do galego na sociedade actual? É nos medios de comunicación?

-Nos medios de comunicación? Unha vergoña, agás na prensa dixital comprometida, sostida pos subscrición dos seus usuarios. Os xornais de maior tirada téñena nun recanto como reclamo  para recibiren subvencións. Mesmo nos medios públicos autonómicos non ten a lingua o tratamento que debera ter, pola súa baixa calidade en xeral e tamén porque faltan contidos culturais de calidade implicados co país.

Na sociedade? Teríamos que preguntar en que sociedade. Eu vivín e frecuento Santiago –a cidade máis normalizada de Galicia- onde a lingua galega culta é moi habitual en calquera despacho  profesional liberal, hostelería, ocio, universidade, xudicatura, empresa… E vivo habitualmente en Rianxo, onde fala galego máis do 95% da poboación e é tamén lingua de comunicación en todos os ámbitos. Sei que noutros lugares non é así, por iso é difícil dar unha resposta global a esta pregunta.  En calquera caso, eu poñería estes dous entornos como modelo do que debería ser, sobre todo o de Rianxo.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como evolucionou o uso do galego dende que empezou a traballar ata a actualidade?

-Perdéronse moitos falantes e gañáronse ámbitos de uso para os que era impensable. Eu non me imaxino falando galego no Instituto de Ensino Medio, nin na Escola de Maxisterio nin na Universidade de Santiago. Pola contra, pérdense falantes porque as familias non frearon a sangría por falta dunha política seriamente comprometida co idioma. Isto non é boa cousa,  porque unha lingua existe se hai quen a fale. Por moi empleirada que estea, se é unha lingua ritual convértese case en lingua morta. Non obstante, estamos a tempo de recuperala e iso é moi positivo.

Porque escribe en galego?

-O meu primeiro libro escribino en castelán, a única lingua que sabía escribir. Afortunadamente, pareime a pensar que pintaba eu escribindo nunha lingua na que non pensaba, nin quería, nin soñaba. Daquela alfabeticeime na  lingua que me define e aí seguimos. Por que me vou traducir? Iso só o fago para colaboracións que me piden desde fóra, que non son poucas, pero habitualmente procuro que vaia o galego orixinal a pé de páxina.

Ten pensado seguir publicando libros en galego?

E logo que hei facer? Non hai outra maneira sensata de actuar. Supoño que ao acabar a entrevista esta pregunta ten xa menos sentido formulala que cando a propuxestes.

Pensa que son suficientes as horas dedicadas ao galego no horario escolar?

A escola en Galicia tiña que ser escola galega. Xa que logo, o horario restrinxido sería para as outras linguas, non para a propia. Cataluña pode ser un bo exemplo. Porque os cataláns saben o que queren: garantir a supervivencia do seu idioma. O castelán apréndese en contacto co ambiente, porque a súa presenza é moi forte nos medios, nas bilbiotecas… Eu teño unha netiña que vai cumprir catro anos. Vai a unha escola galega, oe galego na súa famila e nas dos avós, pero sabe botar xa un parrafiño que outro en castelán. Se fose ao contrario, se falase castelán no ámbito familiar e escolar, non sabería botar un parrafeo en galego. Os feitos están aí para demostralo.

 

Ría de Arousa, no día da Ascensión de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s