12.2 COLOCACIÓN E FORMAS DO PRONOME ÁTONO NAS ORACIÓNS SIMPLES, PRINCIPAIS E COORDINADAS. CONTRACCIÓNS.

IMG_8365

CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

 

 

12.3.2

DiLLES  a verdade a teus irmáns. Non LLELA ocultes.

 

Non LLES comprei as bufandas ás túas nenas para LLELAS traer hoxe.

 

Cando LLES  preguntei que hora era, dixeron algo pero non LLELO   entendín.

 

Se LLO das, sempre cho seguirán pedindo.

 

 

12.3.3

Coloca o pronome correspondente no oco

 

LeveiNA ata a praia para que tomase o sol porque está moi branquiña.

 

MercaLAS  nunha tenda pequena, favorece que se vendan as do país e non as de fóra.

 

LévaLO  mal colocado e non se ve o bonito que é.

 

CoutouNO  á saída do campo de fútbol, que llo oímos todos.

 

SEGUIMOS MAÑÁ COA COLOCACIÓN DE PASO QUE LLE DAMOS UNHA VOLTA MÁIS ÁS FORMAS E USOS.

 

 

 

PRONOMES PERSOAIS. USO E COLOCACIÓN. TÓNICOS E ÁTONOS 6

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
6.1 As linguas son anteriores ás gramáticas. As gramáticas son como unha recapitulación sistemática dos mecanismos que foron creando os falantes para que as linguas funcionasen. Dese estudo dedúcense regras que, ás veces, teñen as súas excepcións, tamén explicables. Por iso non é necesario saber gramática para falar unha lingua e por iso a poden falar as persoas analfabetas. Neste principio aséntase a nova didáctica das linguas vivas. Non é raro o caso de que alumnas e alumnos, falantes de seu, aprendan con dificultade as regras de colocación dos pronomes, pero que os colocan ben. A gramática si é necesaria para o dominio da lingua escrita, moito máis arbitraria que a modalidade oral. A interpretación das letras, o acento gráfico, e a ortografía da palabra e do texto si que hai que aprendelos para o seu dominio. Niso consiste a alfabetización. Así e todo, o coñecemento da gramática non estorba e a ela podemos acudir en caso de dúbida e para utilizar mellor o nivel máis estándar da lingua.

 

6.2 Falábavos de sacar algunha conclusión sobre os pronomes dese parágrafo dun conto narrado en terceira persoa. Puidestes facer algunha das seguintes observacións:

-Todos os pronomes son de terceira persoa, feito que vén dado polo punto de vista de quen narra.
-Sendo todos de terceira persoa, son diferentes:
lle
llo
o/ no/ lo
se
el
Llo son dous pronomes unidos lle+o
Lle ten dúas colocacións. Ora vai independente diante do seu verbo, ora se lle une ao final. Non é arbitraria esta colocación, pero non nos fillaremos aínda nas razóns que lle fan bailar.
Se ten as mesmas normas de colocación que lle. O, que pode ser a, tamén.
O, neste parágrafo vai sempre detrás adoptando tres formas, segundo a letra final do verbo ao que se pega. Tamén imos ver iso con máis calma.
El é o único que tiña a forza da pronuncia marcada.

 

6.3 Os pronomes que soportan esa forza na oralidade chámanse, por esa razón, tónicos. Fan de suxeito da súa oración ou levan unha preposición diante. Non nos van dar moita lata.
Os que non soportan esa forza chámanse, tamén por esa razón,  átonos. Teñen unhas regras de colocación complicadas para quen non sexa “falante”. Digamos que este é o talón de Aquiles da aprendizaxe deste idioma. Hai neofalantes que pasan a vida colocándoo mal, quizabes porque carecen de consciencia de tal feito.
*O dixen
*O fago.
*Llo levamos.
*Nolo trouxeron…

Se pronuncias estes erros que deixo marcados con * (que sinala un erro na escrita), xa ves que non teñen forza. Isto axudarache moitas veces a determinar se están ben ou mal colocados.

 

6.4

En principio fixamos ben unha norma doada coa que xa vimos traballando. NUNCA COMEZAN UNHA ORACIÓN.

E aprendemos dúas regriñas:

-El non leva acento gráfico diacrítico, porque non hai máis el ca el.
-O pronome de terceira persoa *elo non existe. Cando teñas que facer a tradución, emprega iso ou isto.

REENCONTRO

Prezadas amigas e prezados amigos: Reaparecemos despois dun problema técnico que tardei en resolver un ano -como corre o tempo- e tentaremos seguir con asiduidade, que ao idioma boa falta lle fai. Un saúdo moi cordial a quen ande por aquí e deica mañá.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

EN HOMENAXE A ROSALÍA NO 178 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO E 135 DA PUBLICACIÓN DE “FOLLAS NOVAS”

Rosalía de Castro (Por Miguel Elías)

(Presentación da publicación, en carpeta conxunta, de Follas novas e Amor de perdiçao, Ediçoes Caixotim, 2006)

Rosalía de Castro, a gran poeta galega, e Camilo Castelo Branco, o gran narrador portugués, estaban irmandados antes de que os responsables de manter o seu recordo e difundir a súa obra decidiran celebrar senllos actos de sinatura de fraternidade nos lugares da Matanza (Padrón) e Ceide (Vilanova de Famalicao) a finais do ano 2005.
Estes dous autores estaban xa irmandados de seu por seren grandes, por pertenceren á mesma época, por traballaren con dúas linguas xemelgas e, sobre todo, porque a súa dor creativa, nacida certamente de dúas biografías que tiveron que superar duras probas no seu transcurso, era real. As súas plumas, bebendo directamente na sufrida alma dos pobos que os rodeaban, eran tamén testemuña das súas máis auténticas raíces vivenciais. Por iso ambos escritores superaron calquera pose determinada por unha moda pasaxeira e mereceron estar situados nun lugar de honra entre os clásicos de todos os tempos.
A publicación dupla de Follas novas de Rosalía de Castro e Amor de perdiçao de Camilo Castelo Branco é o primeiro espazo de colaboración entre a Fundación Rosalía de Castro e a Casa de Camilo-Museu. Centro de Estudos da Câmara Municipal de Vilanova de Famalicao.
Alén de divulgar a obra e o coñecemento de ambos autores, a nosa intención diríxese tamén a propiciar, desde as nosas posibilidades, o achegamento de dúas literaturas que se sustentan nas linguas máis irmás das romances, que tiveron no Medievo unha Idade de Ouro en común e que na actualidade están máis precisadas que nunca de pontes de comunicación e de lugares de encontro.
Agradecemos a sensibilidade mostrada pola Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, cuxo titular D. Jose Luis Méndez Romeu acolleu o noso proxecto e fixo posible que esta publicación sexa unha realidade.

Helena Villar Janeiro
Presidenta da Fundación Rosalía de Castro

CONTEXTUALIZAR O VOCABULARIO PATRIMONIAL

IMG_4673

Onte falaba de construír debidamente as oracións que levan os verbos AGASALLAR e OBSEQUIAR (con algo a alguén, en ambos casos). Para iso trouxen ao repasiño vocabulario patrimonial relacionado cos agasallos.

Unha desas palabras foi GARRIDO, como nome masculino para designar algo co que se agasallaba a infancia para facela xogar e divertirse. Varias amizades do Facebook recoñeceron de inmediato a palabra nas voces de súas avoas. Era, e debe seguir sendo, unha palabra habitual.

Para iso, temos que contextualizala. Este nome é unha desviación semántica do adxectivo “garrido/a” (bonito/a). ¿Que cousas serían bonitas para unha criatura da clase social campesiña e mariñeira -a falante- nos tempos pasados? Algún xoguete rudimentario, algunha cousiña que lle valese para xogar….

Non a podemos deixar morrer. Hoxe seguimos dándolle á infancia garridos, pero son doutro tipo. Polo tanto, serán garridos os xogos e xoguetes electrónicos, por moi sofisticados que sexan. Serán garridos os libros… Será un garrido todo o que a esa idade gusta recibir e que cumpre un papel fundamentalmente lúdico.

A salvación do idioma tamén consiste en contextualizar estas palabras traéndoas á nosa memoria e ao noso tempo. A salvación do idioma está tamén en conservar o vocabulario patrimonial evitando unha lingua lampa, pobre, sen xenio propio.

OLLO COAS TRAPALLADAS. CONSTRUCIÓNS GALEGAS PARA DÍAS DE AGASALLAR CON ALGO.

IMG_4672

É importante aprender ben as construcións gramaticais, xa que algún verbos esixen preposicións especiais para indicar os seus complementos.

En galego temos varios nomes sinónimos de REGALO: agasallo, presente, galano, obsequio…

Temos así mesmo palabras preciosas para os agasallos que se lle fan á infancia (xogo ou xoguete): garrido, brinquedo…

Da primeira lista de nomes saen verbos sinónimos de REGALAR: agasallar e obsequiar.

¡¡¡¡PERO MOITO OLLO CON ESTES VERBOS!!!!

Teñen construción especial para o que en regalar sería o OBXECTO OU COMPLEMENTO DIRECTO:

-Regaláronme unhas gardenias.

-AGASALLÁRONME CUNHAS GARDENIAS.

-OBSEQUIÁRONME CUNHAS GARDENIAS.

-VOUTE AGASALLAR CUNHA ENTRADA PARA O CINEMA.

-SEICA O OBSEQUIARON CUNS CAPÓNS DE VILALBA.
A practicar, que vos vén aí boa ocasión de falar ben e non facendo do galego unha argallada.

VACACIÓN DEICA SETEMBRO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Estimadas e estimados seguidores: Dámos un descanso ata setembro, que o temos merecido.

Se tedes algunha suxerencia sobre o futuro traballo, agradécese e procuraremos satisfacer as necesidades que se nos comuniquen, pois a nosa programación estará sempre ao voso servizo.

Boa vocación, saúde e emprego.

 

Galego na Rede

20. 1 CASTELANISMOS SINTÁCTICOS. OS PRONOMES. USO E COLOCACIÓN. PRÁCTICA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Aquí tes unha relación de oracións mal construídas, verbo dos pronomes: ou non son os debidos, ou non están escritos con acento por ser tónicos, ou están descolocados. Son sacados da rede e deron orixe a este blogue.

 

É A PRIMEIRA ENTREGA DO TRASMALLO QUE OS PESCOU. TERÁS OCASIÓN DE PRACTICAR TODO O APRENDIDO. ESCRÍBEAS EN GALEGO COMO DEBEN ESTAR.

 

Teño unha amiga que esperame para merendar.

Se supon que xa van protexidas

Vai ser cousa dos da parroquia do lado que fixéronse fortes

Eu o dicía pola saia que prestáchesme.

É que non decatouse de que os da zona do Norte somos pobres.

O que pasoulle a esta cubana falando galego na Renfe ourensá.

Son novas rúas que vanse abrindo na cidade.

A colada ma levo posta e o ben que me senta.

O outro día emocionoume que unha persona despois de 60 no estranxeiro, falándolle en galego, respondéseme en galego tamén.

O fixeron a unha velocidade de relustro.

Así llelo trato de facer comprender ao meu colega.

Mo sacaches da boca.

Nos a toleramos e a comprendemos.

Aínda haberá galegos que voten aos que botan a nosa mocidade á deportación e exilio. Os maldigo.

Cando a inxustiza chama á túa porta non pregunta a quen lle votaches.

Cando chego á porta do baño dun bar, xa vou preparada para atoparme de todo.

Creo que pronto envíoche fotos da miña excursión

Eu sempre dígolle o mesmo.

Se vai por onde andedes non vola perdades.

 

15.2 CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Véxoche mala cara.
Véxolle a luz da galería.
Vexolles a intención que traen de me engañaren.
Pedinvos que me sacarades o billete do bus.
Rogáronme chegar puntual á cita.
15.2.1
Marca o núcleo do predicado principal que é común a estas oracións.
Vexo
Vexo
Vexo
Pedín
Rogaron
15.2.2
¿Hai verbos que non son o predicado principal? ¿Teñen eles o seu complemento directo?
. Traen/ O seu C.D. sería o propio nexo que, porque é un pronome (relativo) e substitúe a intención.
.Sacarades/ o billete de bus (de bus é un complemento do C.D. O núcleo é billete)
15.2.3
Substitúe nas oracións do primeiro exercicio o complemento directo do verbo principal por cadanseu pronome. Exemplo: Véxocha.
Véxocha.
Véxolla.
Véxollela.
Pedínvolo.
Rogáronmo.

15.2.4
¿Que pasa ao faceres esta substitución?
Que se contraen os pronomes que fan de C.I. e C.D.
15.2.5
Converte en oracións negativas as oracións que che resulten no exercicio anterior.
Non cha vexo.
Non lla vexo.
Non llela vexo.
Non volo pedín.
Non mo rogaron.

15.2.6
¿Que acontece ao faceres esta conversión?
Que o pronome pasa para diante do verbo na oración negativa.
15.2.7
Marca os complementos circunstanciais destes predicados:
Cociñaba as lentellas no microondas./ No microondas
Esta tarde paseei polos xardíns./ Polos xardíns
Criselda corre todas as tardes./ Todas as tardes
Sempre deixo o ordenador riba da mesa./ Riba da mesa

14.2 CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

Foto0012

 

14.2.1 Divide estas oracións en suxeito e predicado:

SUXEITO: O Camiño Francés
PREDICADO na súa entrada na capital galega, debería ser un espazo máis protexido.

SUXEITO: Non ten. É unha oración impersoal construída co verbo haber, moi frecuentes. Por iso non concorda HOUBO con VARIAS DECLARACIÓNS, o primeiro en singular e o segundo en plural.

PREDICADO. En Raxoi houbo varias declaracións de representantes políticos.
SUXEITO: Máis dun centenar de axentes da Policía Nacional
PREDICADO: Concentráronse onte na Coruña.
SUXEITO: A oferta de prazas e taxas. (É como un suxeito paciente, pois o pronome aquí fai funcionar o verbo como en voz pasiva)
PREDICADO: Aprobouse tamén.
14.2.2.

¿Cales dos seguintes núcleos verbais son perífrases?

Non admitiu que se puxese en dúbida a súa palabra.

Esta mañá empezou a chover a rolos.

Temos que coidar máis o medio ambiente.

Esta mañá volveu soar a campá de forma estraña.

Se queres, ímonos divertir ao San Froilán no próximo outubro. (Nesta oración o verbo ir ten significado: desprazarse.)
14.2.3.

Transforma estas oracións segundo o modelo:

Teño que facelo/ Téñoo que facer/ Non o teño que facer/ Teño que o facer.
Debeu de levalas pero non estou segura/ Debeunas de levar…/ Non as debeu de levar…Non deben de levalas
Está empezando a mentirche/ Estache empezando a mentir/ Non che está empezando a mentir./ Está empezando a che mentir.
Houbo que buscarvos/ Hóubovos que buscar./ Non vos houbo que buscar./ Houbo que vos buscar.