5.3 AS PROPOSICIÓNS: CON. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

5.3.1
-Ía ir connosco esa mañá, pero despois chamounos para dicir que ía co curmán máis novo, que o levaba no coche.
-Traio sempre comigo o carné de conducir polo que poida pasar.
-Con un ou con outro recado, ti vén axiña.
-E veume coa historia de que non lle deixaran pasar porque ía coa mochila.
-Non quero verte máis coa gorra na cabeza.
-Non tiña nada. Casei cunha man diante e coa outra detrás.
-Foi co neno e coa nena.

5.2.2
-Inda que se poña a estudar toda a noite, non aprenderá nada/ Con estudar toda noite non aprenderá nada.
-Con andar(es) de aquí para aló, non che vai aparecer a chave./Por moito que andes de aquí para aló, non che vai aparecer a chave.

-Por máis que saian de madrugada, non lles abonda o tempo./Con saíren de madrugada, non lles abonda o tempo.
-Con aumentár(es)lle un palmo, non che cobre a mesa./Por moito que lle aumentes un palmo, non che cobre a mesa.(Non sería tamén “Con lle aumentares”…)

5.2.3
Pensamos que o importante non é entrar co pé dereito, senón facer as cousas ben, cun interese que ti non nos mostras. Así que non nos veñas con fumes que non temos por que chos soportar coa pacencia que tivemos sempre contigo. Estabas avisado cunha amonestación e sabías que o procedente era ter moito coidado coas palabras que empregaras. Connosco non se xoga.

 

TOMAMOS O QUE QUEDA DA MES DE VACACIÓNS. EN XULLO VOLVEMOS OS QUINCE PRIMEIROS DÍAS. LOGO XA DAMOS PUNTO DE VERÁN.

 

 

5.2 AS PROPOSICIÓNS: CON. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

5.2.1 Completa coa preposición con tendo en conta as súas contraccións

-Ía ir ____ esa mañá, pero despois chamounos para dicir que ía __ curmán máis novo, que o levaba no coche.

-Traio sempre___ o carné de conducir polo que poida pasar.

– __ un ou __ outro recado, ti vén axiña. (OLLO coas palabras que parecen pero non son artigos)

-E veume __ historia de que non lle deixaran pasar porque ía __ mochila.

-Non quero verte máis __ gorra na cabeza.

-Non tiña nada. Casei __ man diante e __outra detrás.

-Foi__ neno e __nena.

 

5.2.2 Completa segundo o modelo

-Inda que se poña a estudar toda a noite, non aprenderá nada/ Con estudar toda noite non aprenderá nada.

-Con andar de aquí para aló, non che vai aparecer a chave./

-Por máis que saian de madrugada, non lles abonda o tempo./

-Con aumentarlle un palmo, non che cobre a mesa./

 

5.2.3 Completa este texto:

Pensamos___ o importante non é entrar__pé dereito, senón facer as cousas ben, __ interese que ti non nos mostras. Así que non nos veñas ___ fumes que non temos por que chos soportar__pacencia que tivemos sempre __. Estabas avisado __ amonestación e sabías __ procedente era ter moito coidado__ palabras que empregaras.__ non se xoga.

 

MAÑÁ CORREXIREMOS.

5.1 AS PROPOSICIÓNS: CON. USOS E CONSTRUCCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

5.1.1  Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, a preposición con expresa:

-Compañía.

Pasou a tarde cos amigos. SINÓNIMOS xunta2, xunto

Vou con ela á feira. SINÓNIMO canda

-Proximidade.

As carpetas hai que colocalas no estante con estoutras.

-Relación entre persoas ou cousas.

Lévase ben con todo o mundo. Isto non concorda co que me dixeron a min.

-Indica posesión ou contido.

Un cuarto con vistas ao mar. Un libro con moitas páxinas.

-Medio ou instrumento utilizado.

Cortou o chourizo coa navalla. Conseguiu o que quería con axuda.

-Modo ou maneira de realizar algo.

Facer algo con coidado. Tratar os animais con cariño.

-O obxecto sobre o que incide a acción do verbo.

Tirou co vaso e escachouno.

 

OBSERVACIÓNS: A preposición con contrae co artigo determinado o, a, os, as dando as formas co, coa, cos, coas respectivamente, e co indeterminado un, unha, uns, unhas dando as formas cun, cunha, cuns, cunhas

 

FRASES E EXPRESIÓNS

-Con que. Expresa a consecuencia.

Non te quero ver, con que é mellor que marches.

-Con todo. Non obstante o dito, a pesar do dito.

Está bastante ben, con todo aínda se pode mellorar.

 

5.1.2 Outras contraccións

Tamén contrae coas formas dos pronomes tónicos: min, ti, si, nós, vós, si.

Comigo, contigo, consigo, connosco, convosco, consigo.

 

5.1.3 Construcción:  con+infinitivo

Substitúe xeralmente a unha subordinada adverbial concesiva (inda que, por máis que, por moito que, malia que…)

Con chorares, non arranxas nada/ Inque que chores, non arranxas nada…

 

5.1.4 Pronuncia da contracción coa/coas

Debe pronunciarse como se fose un diptongo, é dicir, como se constituíse unha soa sílaba. Simuladamente escribo así a pronuncia: coá, coás. Ten unha aplicación práctica no cómputo silábico da poesía, pois soa unha soa sílaba.

 

5.1.5 Posibles confusións de contraccións na lingua escrita.

-Na lingua oral, é moi común que a contracción coa se diga *ca, por analoxía (parecido) con co. Pero esa forma é un erro na escrita.

-Por influencia da lingua oral, poden aparecer na escrita erros como:

Díxolle *ca ía ir ver/ Díxolle que a ía ir ver.

Non sei se sabes *cos vin o outro día pola rúa moi xuntiños/ Non se se sabes que os vin o outro día pola rúa moi xuntiños.

 

MAÑÁ PROPOÑEMOS ACTIVIDADES

4.3 AS PREPOSICIÓNS: POR. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

4.3.1
-Ía pola beiravía e vin que un coche se me botaba encima.
-Se non me chego a enterar polo xornal de hoxe, nin se me pasaría pola cabeza que isto podía ocorrer.
-Graciñas polos ovos. E non cho digo polo que custan, senón polo seu sabor.
-Pola celebración do santo de Hadrián, non me tes que pedir explicación ningunha.
-El pelexaba por o meter na caixa e seu irmán por o botar fóra.
-O que non vaia polas boas, vai polas malas.

4.3.2
-Vou por maragaridas para pór un ramallete na mesa.
-E por riba vénme conque el non vai pór os cartos para todo.
-Que sexa ou non sexa verdade non me vai pór colorada.
-Por cartos que non quede. Se se pode pór, tira para diante.

4.3.3
-Por que non me chamaches ao pasares? Puiden aforrar de ir soa.
-Pois non cho fago porque non me dá a gana. Así de claro.
-Pau porque bogas e pau porque non bogas.
-Se che preguntan por que non estás na lista, dilles que aínda te matriculaches onte.
-Enfadouse comigo e gustaríame saber o porqué.

4.3.4
-Non tes mellor nota porque non queres./-Non tes mellor nota por non quereres.
-Xa que mo contou, perdóollo./-Por mo contar, perdóollo (Tamén… por contarmo…)
-Posto que non parades quietos, acabouse a promesa: xa non ides./-Por non parardes quietos, acabouse a promesa: xa non ides.
-Estamos moi contentos porque aprobamos a oposición./-Estamos moi contentos por aprobarmos a oposición.
-Devolvéronlles o motor porque non funcionaba./-Devolvéronlles o motor por non funcionar.
-Salvouse xa que os médicos atendérono moi axiña./-Salvouse polos médicos o atenderen moi axiña. (Tamén,  … polos médicos atendéreno…)

 

MAÑÁ TRABALLAREMOS CON OUTRA. ÁNIMO!!!

4.2 AS PREPOSICIÓNS: POR. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

4.2.1 Completa

Ía __ beiravía e vin que un coche se me botaba encima.

Se non me chego a enterar __ xornal de hoxe, nin se me pasaría__ cabeza que isto podía ocorrer.

Graciñas__ ovos. E non cho digo__ que custan, senón__  seu sabor.

__ celebración do santo de Hadrián, non me tes que pedir explicación ningunha.

­­­El pelexaba __ _ meter na caixa e seu irmán __ _ botar fóra (Ollo. Hai dous ocos)

O que non vaia__ boas, vai__ malas.

 

4.2.2 Coloca acento diacrítico ao por que o deba levar:

-Vou por maragaridas para por un ramallete na mesa.

-E por riba vénme conque el non vai por os cartos para todo.

-Que sexa ou non sexa verdade non me vai por colorada.

-Por cartos que non quede. Se se pode por, tira para diante.

 

4.2.3 Completa

___ non me chamaches ao pasares? Puiden aforrar de ir soa.

Pois non cho fago ____ non me dá a gana. Así de claro.

Pau ___ bogas e pau__ non bogas.

Se che preguntan ___ non estás na lista, dilles que aínda te matriculaches onte.

Enfadouse comigo e gustaríame saber o ___.

 

4.2.4 Substitúe a oración subordinada causal pola construcción por+infinitivo, marcando as persoas no caso en que se lle poida poñer desinencia de conxugación.

-Non tes mellor nota porque non queres./

-Xa que mo contou, perdóollo./

-Posto que non parades quietos, acabouse a promesa: xa non ides.

-Estamos moi contentos porque aprobamos a oposición.

-Devolvéronlles o motor porque non funcionaba.

-Salvouse xa que os médicos atendérono moi axiña.

 

 

CORRIXIMOS O LUNS. BOA FINDE.

3.3 AS PREPOSICIÓNS: POR. USOS E CONSTRUCCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

3.3.1 Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, a preposición por expresa:

1 Lugar onde ou lugar a través do que.

Di que perdeu a carteira polo camiño. Vai polo camiño ás carreiras. Por aquí chégase á cima do monte.

2 Tempo pouco preciso.

Aí polas tres hei de pasar por aquí. Polo mes de xaneiro neva e vai frío.

3 Duración no tempo.

Déronlle traballo por seis meses.

4 Causa ou motivo.

Has xantar ti só por chegares tarde.

5 Finalidade

Foi ao poleiro por ovos.

6 Prezo, valor.

Merquei uns zapatos por catro trinta euros.

7 En proveito de, a favor de.

Fágoo por ti.

8 Relaciona os factores dunha multiplicación.

Tres por seis.

9 Introduce o complemento dalgúns verbos.

Andaron preguntando por vós. Vinde por min ás cinco.

10 Expresa o axente.

O problema é coñecido por todos. Foi detido por un policía.

11 Seguido do pronome interrogativo que, serve para preguntar a causa ou o motivo polo que se fai ou ocorre algo.

Por que non viñeches? Dime por que non viñeches.

12 Indica medio de transmisión ou de transporte.

Escoiteino pola radio. Enviouno por correo.

13 Substitución.

Cambiou os zapatos polas botas.

14 Proporción.

Tocoulles pagar dez euros por persoa.

 

3.3.2. Contraccións

A preposición por contrae coa segunda forma do artigo lo, la, los, las, dando as seguintes formas: polo, pola, polos, polas.

Non contrae cos pronomes que teñen esas mesmas formas, aínda que a pronuncia sexa a mesma:

-Por o traer, non che cobran. (A pronuncia sería igualmente Polo traer…)

 

3.3.3 POR/PÓR

A preposición escríbese sen til ortográfica. Si levará til diacrítica (para distinguirse) a forma contraída do verbo poñer: pór, que é o único verbo galego que non acaba en –ar, -ir ou -er. A pronuncia é a mesma nas dúas palabras.

-Vou por leña.

-Vou pór os pés ao sol.

 

3.3.4 POR QUE/ PORQUE/ PORQUÉ

A preposición por úsase en preguntas directas e indirectas co interrogativo que:

-Por que te enfadas? (Interrogativa directa, que leva signo ao final)

 

-É moi difícil saber por que te enfadas. (Interrogativa indirecta, que non leva signo).

 

Porque é unha conxunción causal:

-Estou preocupada porque non sei a que hora chegará o tren.

 

Porqué equivale a causa (vai substantivado polo artigo o ou un indefinito que leva diante):

-Está moi contenta e gustaríame saber o porqué.

-Comportouse así e non lle hai que buscar ningún porqué.

 

3.3.5 Por+infinitivo

A construcción por+infinitivo constitúe unha oración subordinada adverbial causal:

-Por chegares tarde, quedas sen a cea.

-Xa que/ porque chegaches tarde, quedas sen a cea.

 

 

MAÑÁ PROPOREMOS UNHAS ACTIVIDADES PARA CORRIXIR O PRÓXIMO LUNS.

3.3 AS PREPOSICIÓNS: EN. USOS E CONSTRUCCIÓNS. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Antes de nada, recomendo que con todas estas preposicións cando se empregan co infinitivo se conxugue nas persoas que teñen desinencia para el (2ª do singular e as tres do plural). É o caso de uso mois frecuente e non podemos desperdícialo.

 

3.2.1
-Acabastes de recoller as uvas? Andamos niso.
-Nesta casa non se fai así. Na dela, que faga como queira.
-Aí che queda o coche. Mete todo no maleteiro e pon coidado que despois de ti non hai quen meta nada nel.
-Aterraremos nunhas dúas horas. No voo seguinte retrasaremos algo menos que neste.

3.2.2
-Cando chegues, pecha a porta e non lla abras a ninguén
-En chegando, pecha a porta e non lla abras a ninguén
-Ao chegares, pecha a porta e non lla abras a ninguén

Ao nos visitaren, decidiremos se vos deixamos ir a vós ou non de vacacións.
-Cando nos visiten, decidiremos se vos deixamos ir a vós ou non de vacacións
-En visitándonos eles, decidiremos se vos deixamos ir a vós ou non de vacacións

En soltándose da corda, xa non hai quen os volva á corte.
-Ao se soltaren da corda, xa non hai quen os volva á corte.
-Cando se soltan da corda, xa non hai quen os volva á corte.

3.2.3
-Non vou tan cedo porque aínda han estar na clase.
-Non sei como podes aguantar sempre na casa!
-Na aula de 6 B hai tantas nenas como nenos.

 

MAÑÁ POÑEREMOS OUTRA

3.2. AS PREPOSICIÓNS: EN. USOS E CONSTRUCCIÓNS. PROPOSTA DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

3.2.1 Completa coa preposición en:

Acabastes de recoller as uvas? Andamos__ iso.

__esta casa non se fai así. __ a dela, que faga como queira.

Aí che queda o coche. Mete todo __ maleteiro e pon coidado que despois de ti non hai quen meta nada __el.

Aterraremos __ unhas dúas horas. __o voo seguinte retrasaremos algo menos que __este.

 

3.2.2 Escribe cada oración das outras dúas maneiras equivalentes:

-Cando chegues, pecha a porta e non lla abras a ninguén

Ao nos visitaren, decidiremos se vos deixamos ir a vós ou non de vacacións.

En soltándose da corda, xa non hai quen os volva á corte.

 

3.2.3. Completa coa preposición “en”

Non vou tan cedo porque aínda han estar__ clase.

Non sei como podes aguantar sempre __ casa!

__aula de 6 B hai tantas nenas como nenos.

 

 

MAÑÁ FAREMOS A CORRECCIÓN.

3.1 AS PREPOSICIÓNS: EN. USOS E CONSTRUCCIÓNS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

3.1.1

A preposición “en” ten varios usos. Contrae coa mesma clase de palabras que “de”, perdendo ambas a súa vogal “e”.

Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, expresa:

Lugar

Vivo en Lugo.

Meteunos no caixón. Foi caer nun focho. Vai na vila.

Tempo

Caso en agosto.

Chegou en dúas horas.

Modo, materia, medio, instrumento, prezo.

Está feito en escaiola.

Veu en autobús.

Deixouno en tres euros.

Quedou en branco.

Algunhas veces equivale a por.

Coñecino no andar.

Con certos verbos, en estruturas transitivas, indica o proceso do verbo considerado na súa duración ou desenvolvemento, por oposición a un proceso rematado.

Andaba buscando na roupa.

 

OBSERVACIÓNS: A preposición en contrae coas seguintes clases de palabras, dando as formas que se expresan:

  1. a) Co artigo determinado (o, a, os, as): no, na, nos, nas.
  2. b) Co artigo indeterminado (un, unha, uns, unhas): nun, nunha, nuns, nunhas.
  3. c) Coas formas tónicas do pronome persoal de terceira persoa (el, ela, eles, elas): nel, nela, neles, nelas.
  4. d) Cos demostrativos (este, ese, aquel, estoutro, esoutro, aqueloutro…): neste, nese, naquel, nestoutro, nesoutro, naqueloutro…
  5. e) Cos indefinidos algún e outro: nalgún, noutro..

 FRASES E EXPRESIÓNS CON en

En + xerundio: indica acción acabada.

En facendo o labor deitareime un anaco.

En + por + pronome: indica que o suxeito ten ou fai algo por si mesmo.

Levaba todas as terras en por el.

 

3.1.2

Hai un xiro moi propio do galego que se constrúe cos verbos andar e estar, e indica “estar inmerso nunha ocupación ou traballo”:

Anda nas patacas.

Sempre está nas verzas.

É madeirista porque andou toda a vida na madeira.

 

3.1.3  

En+xegundio constitúe oracións temporais. As tres oracións seguintes son equivalentes:

En chegando, chámame

Ao chegares, chámame.

Cando chegues, chámame.

 

3.1.4

Fíxate nestas expresións galegas:

 

Estar NA casa.

Etrar NA clase.

Mostrarse atenta NA aula.

 

 

MAÑÁ PROPOÑEMOS ACTIVIDADES

 

 

 

 

2.3 AS PREPOSICIÓNS: DE. USOS E CONSTRUCCIÓNS. CORRECCIÓN DE ACTIVIDADES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

2.3.1
-Había troitas no río? / -Inda había ben delas.
-Traes hoxe moitos deberes?/ -Pois traio ben deles./ #Pois tráioche ben deles. (ESTA ÚLTIMA É UNHA SOLUCIÓN OPCIONAL MOI BEN FEITA QUE IMPLICA O USO DUN PRONOME DE SOLIEDARIDADE DOS QUE XA FALAMOS E VOLVEREMOS FALAR)
-Foi moita xente á verbena?/ -Inda foi ben dela!

-Precisas moito cal para a parede?/ Pois preciso ben del. (Este “cal” é masculino)
-Gastan moito leite en facer manteiga?/-Gastan ben del / #Gástanche ben del.
-Saéche moito sangue do nariz?/ – Sáeme ben del.
-Botáronlle sal ao caldo?/ -Botáronlle ben del.

2.3.2
-A un amigo del pasoulle o mesmo./ A un amigo de seu pasoulle o mesmo.
-Unha cuñada nosa vive n’O Cebreiro./ -Unha cuñada de noso vive n’O Cebreiro.
-Unha parente delas tamén se chamaba Andrea/ -Unha parente de seu tamén se chamaba Andrea.
-A finca grande é nosa./ -A finca grande é de noso
-As nosas bandeiras foron quedando atrás./ -As bandeiras de noso foron quedando atrás.

2.3.3
-Infórmoo/infórmoa de que hoxe se presenta un libro moi interesante.
-Estou segura de que me daredes a razón.
– Dáme a sensación de que hoxe fixo máis calor que onte.
-Tiña a impresión de que non te ías portar ben.

2.3.4
Se entras, pecha a porta./ De entrares, pecha a porta.
-Se viñesen a tempo, atoparíannos na casa./ De viren a tempo, atoparíannos na casa.
-Se che pesa a caixa, déixaa que xa a iremos buscar nós./ De pesarche (ou de che pesar) a caixa, déixaa que xa a iremos buscar nós (ou que xa iremos nós buscala).
-Se vemos que se nos fai tarde, collemos un taxi./ De vermos que se nos fai tarde, collemos un taxi

2.3.5
-Esta maleta non é nosa, que é deles.
-Deste lado do río hai menos árbores das que pensabamos. (Árbore é palabra feminina)
-Cal dos teus amigos foi quen te enganou falando daquelas parvadas?
-Sei, dalgún xeito, que estás da nosa parte.
-Saíron da casa e deixaron as chaves do garaxe dentro.
-Non saias da aula sen pedir permiso por nada do mundo.

 

MAÑÁ SEGUIREMOS COA SEGUINTE PREPOSICIÓN: EN.