Contacta comigo unha xornalista para me entrevistar pola publicación do poemario “Remontar o río”. Á hora prevista, chámame por teléfono, saúdame moi amable, dime o tempo de que dispomos e avísame:
-A entrevista vai ser en castelán.
-Ui! Iso para min é moi violento. E non lle vexo xeito. Non entendo que teña que falar castelán en Galicia.
Deloutro lado do fío houbo un silencio longo e pregunteille para cortalo:
-¿Periga o teu posto de traballo? Se é así, dimo que estou disposta a considerar a miña postura a pesar de todo.
Seguía o silencio ata que a oio saloucar.
-¿Que che pasa? Dime algo.
-Helena, fágao Vde. por min. Fale o galego que eu non podo falar. Ben ve cal é a miña lingua. Pero non podo, Helena. Para emitir, non podo.
-Tranquilízate. Xa vexo, xa.
E houbo outro silencio menos tenso e despois engadiu xa coa voz recuperada:
-Eu voulle preguntar en castelán, que non podo facelo doutra maneira.
-Non te preocupes. Tamén o entendo. É unha tolemia, pero é o que hai.
A entrevista transcorreu con fluidez, a pesar desa grave anomalía. E enviámonos unha chea de bicos fóra de antena.
Ninguén sospeitaría que tiña detrás un abuso de poder, unha mordaza, un drama persoal incomprensible.
Ai link da entrevista? Para ouvila on line? Gostaría de ouvila. O poemario é unha ledicia. Saudos.
Ese enlace non o teño. Quedei tan magoada polo feito que non o quixen ter. Graciñas polo aprezo ao libro. Unha aperta.