O ESTRAÑO CASO DE MANU
A Manu levárono á gardería xa chegados os tres anos. Cando o foron buscar o primeiro día e lle preguntaron se viña contento, dixo que si, que alí había moitas nenas e moitos nenos –Manu xa é da era coeducada- e que o pasara moi ben.
Deloutro día, preguntoulle seu pai se xugaba con eles e el dixo que si.
-¿E de que falades?
-Eles non saben falar.
-Home, algún falará –dixo súa nai moi estrañada-. Hainos xa coma ti.
A isto non respondeu e seguiu dándolles aos botóns da lavadora a ver se a facía centrifugar, que lle gustaba aquel ruído.
De alí a dos días foi súa nai buscalo e preguntoulles ás coidadoras se había alguén máis entre a cativada da idade aproximada de Manu e elas contestáronlle que outros catro ou cinco, os meirandiños.
-Pois Manu dime que non falan.
-Serán cousas del –dixo a coidadora, rompendo a rir-. ¡Vaia se falan! Pasan o día latricando se lles deixan. Non lle dea tino niso. É algo fabulador, pero pórtase moi ben. E é moi intelixente.
Mentres ían cara a casa díxolle a nai:
-A ver, Manu. Disme que non falan os nenos e as nenas e iso non é certo. Falades, que mo dixeron as profas.
-Non, mamá. Os nenos aínda non saben e non vou falar eu só.
-¿Como que non saben falar, Manu? –preguntou súa nai freando en seco para lle mirar os ollos.
-Non saben, mamá. Eles hablan e eu estou aprendendo tamén. Hablamos, pero non falamos porque eles non saben.
A nai botou unha gargallada que durou pouco tempo, porque axiña lle entraron ganas de chorar.
Os nenos son mais intelixentes ca nos, quizabes porque nos, a base de ir templando gaitas adormecemos o cerebro e acomodamonos ao que hai. Manu explica moi ben cal e a situación. Fan falla moitos Manus
Si. Ás veces parece imposible que a realidade sexa tan literaria. Pero así é. É unha historia lóxica total aínda que sorprenda tanto o final. Un bico, Lina.
O meu Xoel cando escomenzou a gardería case todo que falaba era galego, e cando falaba algo castelán a nai retrucáballe en galego Xoel, e logo el retrucáballe a avoa Lola en galego Xoel. E os nenos da gardería dicíanlle as profesoras ” Este niño habla en Inglés”
Teño que buscar un relato meu parecido cuns sobriños de aquí e outros madrileños. Aquilo foi moito. Teño que o buscar, que é a historia máis simpática de todas. Algo parecido ao que contas.